Axudas de ata 10.000 euros para melloras no Camiño de Santiago

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

Poden pedilas veciños de Trabada, Ribadeo, Lourenzá, Mondoñedo e Barreiros

06 dic 2019 . Actualizado ás 20:50 h.

A Axencia de Turismo de Galicia acaba de publicar a resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de mellora paisaxística e embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago, correspondentes á convocatoria para o ano 2020. A contía das subvencións pode acadar os 10.000 euros para os particulares e 15.000 en caso de ser obras promovidas polos concellos. Destas axudas pódense beneficiar propietarios situados nos municipios polos que pasa o Camiño de Santiago, que no caso da Mariña son Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo e Trabada. Son para actuacións que non se iniciaron antes do 1 de xaneiro de 2020, que contribúan «á mellora paisaxística, a procura da harmonía, a orde e o respecto, e a coherencia do Camiño de Santiago e a súa paisaxe cos valores culturais ligados ás sociedades que ao longo do tempo construíron este espazo».

Á vista do Camiño

Outro aspecto concluínte é que as melloras deberán realizarse sobre bens físicos situados no ámbito de protección dos camiños de Santiago e no campo visual do percorrido. E quedan excluídos destas orde os núcleos urbanos consolidados.

Na súa resolución, a Axencia de Turismo explica que «a celebración do Ano Santo Xacobeo no ano 2021 constitúe para a Comunidade Autónoma de Galicia unha oportunidade de potenciación de Galicia, así como de promoción e de reforzo da dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia comunidade, e leva consigo un amplo despregamento de actuacións en distintos ámbitos».

«Dentro deste marco é precisa a colaboración no ámbito público e privado para o impulso, xestión, ordenación e innovación de actuacións que incidan e procuren a mellora paisaxística e o embelecemento do Camiño de Santiago, polo que procede a convocatoria dunha liña de axudas para estas accións, co fin de consolidar unha boa imaxe do Camiño e de Galicia», engade.

Como principais obxectivos das subvencións cita: «Avanzar na mellora do Camiño de Santiago, especialmente en relación cos seus itinerarios e contornos ambientais, paisaxísticos e arquitectónicos e na súa protección xeral e posta en valor; aumentar a sensibilidade cidadá en relación coa relevancia dos valores do Camiño de Santiago; estimular o coñecemento do patrimonio xeral do Camiño, e fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas».

Un mes de prazo

Para presentar as solicitudes hai un mes de prazo, que comezou a contar xa, preferiblemente, di a Xunta, por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura na publicación nas bases, no DOG do pasado día 2. Concluído este prazo, iniciarase outro dun máximo de cinco meses para valorar as solicitudes e resolver.

As obras subvencionables

Son subvencionables, por exemplo, a restauración de fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, muíños, valados, peches e outros elementos de carácter tradicional vinculados á paisaxe e a cultura do lugar; as melloras de fachadas e cubertas (usando materiais da zona, pedra, pintura e calquera material que harmonice coa contorna); as instalacións para áreas de descanso de peregrinos; melloras no espazo agrario (a ocultación mediante vexetación de elementos cun importante impacto visual); demolicións de inmobles abandonados, naves ou casetas, sen interese patrimonial; melloras de axardinamento, etcétera.

Licenzas previas

Só se poderá presentar unha solicitude por persoa e obxecto, e deberá contarse con todas as autorizacións sectoriais para poder executala.

Contía

O importe da subvención será do 75 % do orzamento do investimento subvencionable (non sobre o total), cun límite máximo de 15.000 euros para as entidades locais e de 10.000 para as persoas físicas ou xurídicas privadas. A Xunta habilitou unha partida de 1,2 millóns de euros para financiar as axudas, dividido nun 50 % entre cada unha das dúas categorías.