«O da poxa, só con bloques de 5 megawatts, é un pau máis» para Alcoa San Cibrao

S.C. VIVEIRO/ LA VOZ

A MariÑA

Pepa Losada

O comité chama a participar este mércores na concentración de Foz

03 dic 2019 . Actualizado ás 20:16 h.

«Un pau, é un pau». Este é o sentir xeral en Alcoa San Cibrao tras coñecerse este martes as condicións da poxa polos servizos de interrumpibilidad, convocada para a semana do 16 deste mes. Un pau porque só saen bloques de 5 megawatts, nin sequera de 40.

«Reduciuse significativamente a potencia a poxar. Se non se adoptan medidas urxentes que revertan a situación, a produción de aluminio primario en España é inviable». Era o comunicado oficial feito público onte por parte de Alcoa tras coñecerse as condicións da poxa. Breve e claro.

O primeiro

«Pinta mal». Pero o comité non se rende, ao contrario, pelexará por defender o emprego na fábrica da Mariña. O primeiro, este mércores hai convocada unha concentración en Foz ás 20 horas, na Praza Conde de Fontao. Fan unha chamada á participación. «Agora máis que nunca facer necesaria a unión e o apoio de todos», sinalan.

O segundo

O comité está a expensas de manter unha reunión urxente co secretario de Estado de Industria e á súa vez coa ministra de Industria para falar da situación de Alcoa.

55,5 euros que serían 65,5

«O Goberno ten que tomar medidas xa; aínda que estea en funcións, porque agora está en funcións e convocou a poxa nestas condicións. Iso si o aprobou. É urxente que tome medidas. E o que vimos reclamando desde sempre, desde hai anos xa, é prioritario, imprescindible, rebaixar a tarifa eléctrica», sinalaba José A. Zan, novo presidente do comité de Alcoa, de CC.OO.

Alcoa lembra que paga 55,5 euros por megawatt, que poderían ser 65,5 coas condicións desta poxa. «Inviable», repiten ata a saciedade.

A plataforma en defensa da sanidade pública da Mariña súmase á concentración en defensa do emprego en Alcoa. Prevese para esta noite en Foz unha concentración multitudinaria, «é necesario facerse oir, máis que nunca, é urxente», manifestan desde o comité.