Pepa, a «influencer» que dá consellos sobre peixes e mariscos, inspirada en tres emprendedoras de Burela

María Cuadrado Fernández
MARÍA CADRADO BURELA / LA VOZ

A MariÑA

CEDIDA

O grupo Pescados e Mariscos Pepa estrea canle en Youtube cunha «pescadera» prescriptora que asesora coa compra do Nadal

04 dic 2019 . Actualizado ás 09:45 h.

En Esperanza, Josefa e María José está inspirada a figura de Pepa, a pescadera influencer que aconsella como comprar para este Nadal o mellor pescado e marisco, e aos mellores prezos. É a protagonista da canle de Youtube (Pepa si que sabe), que impulsa unha nova campaña de promoción e mercadotecnia de Peixes e Mariscos Pepa S.L., de Burela, un grupo empresarial cunha traxectoria de case 150 anos. Na canle a protagonista é Pepa, encarnada pola actriz Carla Maseda. Por agora hai dous vídeos subidos aos que se sumarán outros dez nos próximos días. Pódense ver na súa canle de Youtube  e no resto de redes sociais, indican desde a empresa de comunicación e mercadotecnia Mr. Turismo.

Con esta iniciativa destácase o valor do negocio tradicional e fano tirando dunha influencer que ensina a diferenciar especies e explica que é unha cetaria, que ofrece consellos sobre alimentación e receitas, e que achega datos sobre oficios tradicionais como o de pescadera, mariñeiros ou mariscadores.

Jaime Méndez, xerente do grupo empresarial mariñán, recoñece que o personaxe de Pepa está inspirado en tres mulleres craves na empresa: a súa bisavoa, Esperanza López, a fundadora; a súa avoa Josefa López (Pepa) e a súa nai María José García (Pepa). Jaime é a cuarta xeración e rexenta un negocio que conta con cinco empregados. Destaca que esta época, a que precede e copa as datas do Nadal, «é a mellor época de venda de marisco e peixe». A idea deste negocio mariñán é manter a canle activo todo o ano, co obxectivo de que Pepa exerza de prescriptora de consellos e pautas de consumo, «con receitas interesantes, para resolver dúbidas como a de como se coce un centolo...».

Jaime Méndez: «Queriamos innovar para chegar ás novas xeracións de consumidores»

Jaime Méndez, xerente, recoñece que a figura de Pepa é un recoñecemento ás mulleres da súa familia que crearon e apostaron pola firma que naceu en 1876 e que conta con cetaria, é empresa almacenista de peixe e marisco a nivel nacional e atende ao cliente minorista con servizo en liña. «Queriamos facer unha promoción diferente ás habituais. Contactamos coa empresa de márketing (Mr. Turismo) e deseñamos en conxunto a idea. É innovadora. Queremos darlle máis visibilidade ao sector do peixe e marisco e chegar a máis público. Quixemos innovar para chegar ás novas xeracións de consumidores. Sabemos que a xeración das nosas nais é a que máis compra, pero queremos chegar a esa xente nova que se independiza, que empeza a vivir en parella, que crea a súa propia familia... para invitalos a consumir e a cociñar os nosos peixes e mariscos». O grupo lanzou en 2015 un novo enfoque da marca Pepa peixes e mariscos. Atrás quedan os inicios: en 1876 fíxose a primeira poxa pública en casa de Esperanza.