O comité urxe accións públicas para salvar Alcoa en San Cibrao

s. s. VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

O mércores renova en Foz as mobilizacións reivindicando electricidade máis barata

02 dic 2019 . Actualizado ás 14:06 h.

Calcula Alcoa que a súa planta de aluminio de San Cibrao acabará o 2019 con números vermellos, ao redor de 60 millóns de euros, uns 12 máis que no 2018. Non prevé compensalos cos beneficios da fábrica de alúmina, menores que o ano pasado. Polo que conta a empresa, tampouco os paliará o apagado de cubas para reducir o 11 % a produción de aluminio, nin os 38 millóns de compensacións públicas polas emisións de CO2 e por reforzar a rede eléctrica cando aumenta o consumo. Aínda que esa inxección a obriga a producir tres anos, a viabilidade da fábrica seguirá no aire mentres o Estado non regule o mercado enerxético e, se a Unión Europea non o impide, equipare o prezo do quilowatt a países como Francia ou Alemaña. Por iso o comité de empresa urxen accións públicas, «que o Goberno interveña activamente» para salvar a fábrica.

Presidido agora por José Antonio Zan, de CC.OO., o órgano sindical recalca que a «solución só pode vir das institucións». Por iso solicitan «unha reunión con cada un dos partidos políticos para pedir a súa intervención e a do Goberno». Obxectivo, igualar os custos eléctricos de Alcoa aos competidores directos, que os pagan «un 50 %» máis baratos, segundo o comité. Chama ás institucións e aos políticos a intervir ao mesmo tempo que renova as mobilizacións. Tras a manifestación de Viveiro e as concentracións de Xove, San Cibrao e Burela, este mércores convoca outra en Foz, ás oito da noite.