Case todos os que contan na pesca ponse ao día no congreso de Celeiro

s. s. VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

Pepa Losada

Dúas voces do sector, unha científica e unha estatal pechan a vixésimo cuarta edición

30 novs 2019 . Actualizado ás 14:32 h.

Abarrotado estivo o salón da confraría de pescadores no primeiro día das XXIV Xornadas de Pesca de Celeiro. Con máis de 250 profesionais vinculados ao sector anotados, o congreso ratificou o seu poder de convocatoria e o seu papel como unha cita de referencia de case todos os que contan na pesca. Profesionais do sector e de empresas vinculadas a el, xestores de distintas administracións públicas, directivos de organizacións de armadores e de confrarías acoden a Celeiro para pórse ao día, coñecer de primeira man os rumbos que trazan os políticos e intercambiar opinións sobre asuntos que lles afectan directamente.

Por sorpresa, os organizadores entregáronlle este venres placas a dous asiduos, o armador burelense José Vale e José Loira, exsecretario español de Pesca.

O foro conclúe este sábado. Ábreo Marina Santurtún, de AZTI, falando sobre descartes no Cantábrico. Gerard van Balsfoort, presidente da Alianza Europea da Pesca, diserta sobre o brexit; e de xestión e flota española falan Javier Garat, secretario xeral de Cepesca, e Ignacio Gandarías, director de Ordenación Pesqueira.

Recoñecemento a Anfaco-Cecopesca por ser «vital» para o sector

Para as doce do mediodía deste sábado está anunciado a homenaxe anual do sector pesqueiro de Celeiro, que neste 2019 distingue a Anfaco-Cecopesca, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos-Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca. Presenta o acto Antonio Nores, da Real Liga Naval Española, e recollen o galardón Juan Vieites Baptista e Juan Manuel Cerqueira, secretario xeral e presidente de Anfaco-Cecopesca.

Á unha da tarde está programada clausúraa do congreso, a cargo de Rosa Quintana, conselleira de Mar. Susana Linguas, presidenta de Portos de Galicia, inaugurouno este venres ás 9.30 da mañá.