Armón construirá dúas embarcacións de tipo Salvamar por 4,4 millóns de euros

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

BASILIO BELLO

Foi o único estaleiro que se presentou ao concurso e faranse nas súas instalacións no Occidente asturiano

20 novs 2019 . Actualizado ás 08:57 h.

Estaleiros Armón construirá nas súas instalacións no Occidente asturiano dúas embarcacións do tipo Salvamar para renovar as de maior antigüidade da Sociedade de Salvamento e Sociedade Marítima (Sasemar) do Ministerio de Fomento. O estaleiro con sede fundacional e central en Navia, pero que tamén está en Burela, Xixón e Vigo, foi o único que se presentou ao concurso de Sasemar. As dúas embarcacións licitáronse por 4,4 millóns de euros, cun prazo de execución de 15 meses, e Armón presentou unha oferta de 4,395 millóns, resultando a adxudicataria.

Serán dous barcos «para o salvamento e rescate de vidas e bens no mar, dentro das augas nas que España asume as responsabilidades desta natureza. Deberán poder navegar todo o tempo e en situacións de urxencia con condicións de mar e vento de forza 10 na escala Beaufort», indícase no prego da licitación. A construción destes dous barcos contemplábase no Plan anual de actuación 2019 de Sasemar. Armón xa ten experiencia previa na construción deste tipo de embarcacións.

Os novos barcos deberán ser insumergibles e indícase que a zona de rescate estará tan baixa como sexa posible para facilitar a acción de recollida de persoas desde a auga, balsas salvavidas, botes de rescate, etcétera. A eslora total situarase entre os 20 e os 22 metros, cunha manga de entre 5 e 6 e un calado aproximado dun metro. Cunha autonomía a 28 nós de 400 millas náuticas, estipúlase que a súa velocidade a probas deberá superar os 36 nós, e terá unha capacidade de desprazamento a plena carga de ao redor de 35 toneladas., con dous motores de 1.400 cv.