O gran derbi do baloncesto mariñán volve tras case dous anos de espera

A MariÑA

PEPA LOSADA

Macrocopia Celtas e Carferlo Viveiro mídense nun pavillón de Marzán que se agarda cheo ata a bandeira

15 novs 2019 . Actualizado ás 23:21 h.

 

A última vez que o Macrocopia Celtas e o Carferlo Viveiro enfrontáronse foi en febreiro do 2018. Un ano e nove meses despois, e unha categoría máis arriba, en Primeira, despois do ascenso do cadro focense, os dous máximos representantes do baloncesto mariñán reencóntranse nun duelo que levanta paixóns (Torques de Marzán, 18 horas). Os dous adestradores analizan o partido.

Armando Otero, adestrador do Celtas

«Poucas cousas levantan as expectativas deste partido na Mariña»

 

-Perderon os seus dous últimos partidos. Como chegan ao derbi?

-O que máis me preocupaba neste inicio era competir en todos os partidos, e iso estámolo conseguindo. Somos novos na categoría e temos carencias nos adestramentos, pero aínda así gañamos os nosos dous primeiros partidos e tivemos serias opcións contra dous equipos do mejorcito da liga.

-Por clasificación, xogar en casa... Son favoritos?

-É algo que nin me expuxen. O Viveiro é un gran equipo, que ten adestramentos calidade podendo traballar cinco contra cinco. Teñen moitísimos recursos, un gran persoal, pero é certo que están nunha dinámica negativa.

-Onde vai estar a clave do partido?

-Non o sei, talvez no seu nivel de acerto. Ou no noso. Teñen xente contrastadísima durante as tres ou catro últimas tempadas, como Pablo Martínez, Sebas que creceu moitísimo ou Fabián que é repetado como un dos mellores directores de xogo da liga.

-Tras unhas cantas tempadas no Viveiro, será un partido especial para vostede.

-Pois non porque son un gran competidor e en canto empezo pensarei en gañar, como calquera outro partido. Pero claro que será bonito reencontrarme con xente coa que loitei durante anos. Formamos un dos grupos máis gañadores de Galicia, é un gran grupo humano co que me sentín moi identificado.

-Coñecelos tan ben xoga ao seu favor?

-A nivel individual si, pero non son o seu adestrador e é probable que teñan modificado sistemas. Tamén os xogadores poden recoñecer e neutralizar tácticas miñas.

-É un partido distinto, non?

-Oxalá se vexa un gran partido cun ambientazo. O ano pasado non houbo derbi pero fai dous foi impresionante. Poucas cousas na Mariña levantan as expectativas que levanta este partido.

Carlos Novo, preparador do Viveiro

«Non é a primeira vez que o Celtas chega peor que nós e gáñanos ben»

 

-Aínda non gañaron ningún partido. Que tal está o equipo?

-Ben, temos moitas ganas de gañar xa porque ademais creo que poderiamos estar 3-1 facilmente. O equipo está a traballar ben, así que temos que seguir na mesma liña porque as vitorias acabarán chegando.

-Pola dinámica dos dous equipos, o ambiente de Marzán... é favorito o Celtas?

-Eu creo que nun derbi nunca hai favorito. É verdade que eles estarán nun estado de ánimo mellor, pero non é a primeira vez que o Celtas chega peor que nós e gáñanos ben. E tamén ao revés. Son partidos incontrolables.

-Cal será a clave deste derbi?

-No noso ataque. Se somos capaces de dar un ritmo alto ao partido e estamos acertados no lanzamento, imos ter moitas posibilidades de gañar.

-Este é un partido distinto aos demais, non?

-Eu sempre digo que este partido é a gran festa do baloncesto na Mariña. É moi especial.

-É un condicionante importante o ben que se coñecen os dous equipos?

-Seguro que si. Armando Otero adestraba a este equipo e coñece moi ben a todos os nosos xogadores, iso pódelle dar unha pequena vantaxe. Pero todos nos coñecemos moi ben, sabemos quen pode facer dano e como. Todos temos algún amigo no rival.

-Conseguir a primeira vitoria nun partido así sería un plus moi importante para este Carferlo.

-Si, por suposto. Pero xa non por ser un derbi. Calquera vitoria daríanos un grao de confianza que necesitamos. O equipo está a xogar concentrado, pero fáltanos a confianza que dan as vitorias para empezar a xogar con máis paciencia, para mellorar o noso xogo.

-Ten a todo o persoal dispoñible?

-A falta do último adestramento (debía realizarse este venres), só nos falta Chechu Souto.