Ana Ermida: «O BNG ata agora nunca tivera mariñaos no Congreso, pero Néstor Rego coñece ben a comarca»

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO BARREIROS / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

A responsable nacionalista a nivel comarcal avanza que o Bloque porá a axenda galega por amais de toda negociación

12 novs 2019 . Actualizado ás 14:30 h.

O Bloque Nacionalista Galego subiu en votos en catorce concellos da Mariña con respecto ao 28A en —Burela pasou de 314 a 461; en Foz de 416 a 499; en Viveiro, de 515 a 676; en Barreiros, de 221 a 259; en Ribadeo, de 336 a 447...— e mantivo a mesma cifra de votos —56— en Alfoz.

A responsable comarcal do BNG e rexedora de Barreiros, Ana Ermida, asegurou este luns que a tendencia é positiva «porque marca que seguimos na senda da recuperación e en ir avanzando pouco a oco». A esta valoración positiva na comarca engade que o Bloque, aínda que non sexa pola provincia de Lugo, volva ter voz no Congreso. «O BNG obtivo representación e con iso a voz de Galicia está garantida en Madrid. Facemos unha valoración positiva. Tras unha campaña tan polarizada logramos manter uns resultados dignos e melloralos con respecto ás últimas eleccións xerais. Aínda co farta que está a xente e co cansanzo que hai, vese que o BNG merece a confianza da xente, e por iso llo hai que agradecer», manifestaba Ermida nunha análise previa a un encontro comarcal que previsiblemente o partido manterá tras as eleccións en Burela do próximo día 17.

«Nos sitios nos que o BNG está forte a extrema dereita mantense á marxe», matiza Ermida, que tampouco pasa por alto os resultados do 10N «nun escenario de bastante baixa participación (..) O BNG ata agora nunca tivera mariñaos no Congreso, pero Néstor Rego (futuro diputado, natural de O Vicedo) coñece a comarca, ten vínculos con ela. Sempre que o BNG estivo no Congreso os asuntos da Mariña estiveron encima da mesa e sempre se obtiveron mellores resultados (..) O BNG vai pór encima a axenda galega, por encima de toda negociación».