A conexión mariñá de The Beatles chamábase Aurelia e era de Ferreira

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA O Valadouro / LA VOZ

A MariÑA

CEDIDA

McCartney celebrou a efeméride con Ringo Starr, para quen traballou a mariñá

08 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai uns días os fans de The Beatles celebraban un aniversario moi especial: os 50 anos da publicación do último álbum do mítico cuarteto de Liverpool, Abbey Road. A pesar de que transcorreu medio século desde aquel traballo discográfico co que dirían «adeus» no panorama musical mundial, o seu mito non parou de crecer. De feito, sen ir máis lonxe, nacía na Mariña un vínculo especial coa banda. O pasado mes de xaneiro falecía Aurelia García aos 75 anos. E... quen era ela e que relación tiña con The Beatles? A pregunta ten resposta. Natural de Ferreira do Valadouro, coñecida como Aurelia do Selmo, casou aos 19 anos e emigrou a Escocia co seu marido, trasladándose despois a parella a Londres, onde acabou traballando na casa de Ringo Starr. Protagonizou por iso en 2011 o curto Aurelia da produtora 14 Pés Audiovisual, con guion da cervense Sabela Blanco . Foi, ademais, preseleccionado para os Goya na categoría de curto documental.

Buscando emprego a través da compaña que The Beatles fundou en 1968, chamada Appel Corporation, acabou de empregada de fogar no número 8 de Hampstead Road. Comezou o seu traballo sen saber realmente que era a casa de Ringo Starr, ata que un pintor llo dixo, co correspondente rostro de evidente sorpresa nesta veciña valadourense. Gardou sempre moi bo recordo do «beatle» e a súa familia, dicía no documental: «Era moi serio pero era moi bo mozo». Aos outros compoñentes da banda viunos algunha vez, a John Lennon unha e a Paul McCartney varias. Precisamente, leste e Ringo Starr celebraron hai pouco os 50 anos do lanzamento de Abbey Road e volveron atoparse nos míticos estudos onde o gravaron. Acudiron coas súas esposas. Paul con Nancy Shevell e Ringo con Barbara Bach, aínda que Aurelia a quen tratara na súa etapa laboral londiniense foi ao seu ex, Maureen Cox. Segundo a mariñá confesou, levaban «como irmás».

En 2012, na hemeroteca de La Voz de Galicia lembrando o concerto de The Beatles en España de 1965, o experto na banda José María Ríos, evocou a figura de Aurelia García, así como a doutros galegos que traballaron para The Beatles, como o caso de Rosaura López que o fixo para os Lennon e ata escribiu un libro.