Un Resurrection Fest ao grande para celebrar o 15 aniversario

s. curral VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

EDUARDO PEREZ

A System of A Down únense como cabezas de cartel Judas Priest, KoRn ou Sepultura no festival de Viveiro

24 sep 2019 . Actualizado ás 08:39 h.

Os organizadores do Resurrection Fest anunciaron onte boa parte do cartel para o 2020. Queren celebrar ao grande o seu 15 aniversario.

Onte a media mañá anunciábano así: «Tras a gran confirmación do noso primeiro cabeza de cartel, System of A Down, ¡hoxe volvemos á carga con máis bandas! Porque este ano é o noso 15º aniversario e querémolo celebrar con todos vós do mellor xeito posible. Lembrámosvos que o día 1 de outubro as entradas sairán á venda».

«En primeiro lugar énchenos de orgullo poder anunciar que unha das bandas de heavy metal máis importantes da historia, os británicos Judas Priest, quixeron visitar por primeira vez o festival para celebrar como cabezas de cartel o seu 50º aniversario cunha xira moi especial chea de éxitos», engaden.

Doutra banda, os estadounidenses KoRn quixeron regresar ao Resurrection Fest para encabezar un dos días con data exclusiva e deleitarnos esta vez con todos os seus grandes éxitos», explicaban os organizadores.

«As sorpresas non se acaban aí, porque tamén temos a unha chea de bandas que se unen ao cartel. Meshuggah tiveron que agardar 9 anos para volver ao festival. Heaven Shall Burn tamén virán con novo disco e a súa produción completa e como non, Madball quixo vir a Viveiro a celebrar o noso 15º aniversario», engaden desde a organización do festival.

«Sepultura están a piques de sacar un novo disco, así que será unha oportunidade perfecta para presentalo ao festival. Por petición popular, Jinjer volven a Viveiro para escoitar os seus novos temas, e desde Francia, Dagoba virán cargados de enerxía para un show totalmente eléctrico. Á súa vez, Dark Funeral farán as delicias dos fans do metal extremo, e Beyond The Black estrearanse no noso país co seu metal sinfónico actual».

As redes ardían onte

As redes ardían onte entre os fans. «Knocked Loose visitará por primeira vez o noso país e demostrarannos por que son unha das bandas máis revolucionarias do hardcore actual. Belvedere farannos saltar co seu punk máis zapatillero, e Lionheart estamos seguros de que farán un dos concertos máis brutais da próxima edición. Doutra banda, Our Hollow, Our Home tamén se estrearán no noso festival», comentaban os organizadores do Resu.

«Non esquecemos do noso escenario Desert, xa que Amenra queren desquitarse a espinita cravada da súa cancelación hai uns anos cun espectáculo de luces e son sen igual, e tamén poderemos menear os nosos pescozos grazas a bandas do calibre de Elder ou The Atomic Bitchwax». O Resu puxo a torta amais da mesa.

A lista ao completo e as bandas nacionais máis destacadas; as entradas, o 1-O

«Entre as bandas nacionais, dicir que Hamlet están máis en forma que nunca e queren ensinarnos como soa o seu último disco “Berlín”. Blowfuse regresarán tamén, agora xa como un dos nosos mellores referentes do punk rock a nivel internacional, e polo seu lado, alégranos saber que seremos o primeiro festival de Onza, con Pepo de Desakato ás voces. Vita Imana veñen a Viveiro por primeira vez tras a incorporación do seu novo cantante Mero Mero, Thirteen Bled Promises van sacar novo disco en nada e queren presentalo no festival e finalmente, tras ser gañadores do noso Band Contest, Cannibal Grandpa únense ao cartel para 2020».

Así resumían desde o Resu os concertos que ofrecerán as bandas nacionais. A lista completa do Resu 2020 a día de hoxe é a seguinte:

System of a Down (only show in Spain in 2020); Judas Priest (50 Heavys Metal Years); KoRn (único festival en España en 2020); Meshuggah, Heaven Shall Burn, Sepultura, Madball, Jinjer, Dark Funeral, Amenra, Knocked Loose, Hamlet, Beyond The Black, Lionheart, Elder, Belvedere, Dagoba, The Atomic Bitchwax, Vita Imana, Our Hollow, Our Home, Blowfuse, Onza, Thirteen Bled Promises, Cannibal Grandpa.

A organización avisa que «as entradas sairán á venda o día 1 de outubro ás 11:00 con descontos. Daremos todos os detalles sobre os prezos nos próximos días, non deixedes pasar a oportunidade, o ano pasado en febreiro estaban esgotadas».