Cantarrana, punto de partida para unha pioneira do fútbol galego

I.M.B. VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PACO RODRÍGUEZ

Susú Cores é a adestradora do Boimorto, rival do Viveiro este domingo no arranque ligueiro, e a primeira muller en dirixir un equipo de Preferente

24 ago 2019 . Actualizado ás 20:37 h.

O partido deste domingo en Cantarrana (19.00 horas) entre o Viveiro e o Boimorto esperta máis interese do que cabía agardar. Á expectación que desprende a estrea dun claro candidato ao ascenso como é o equipo de casa hai que sumar a presenza no banco visitante dunha pioneira do fútbol galego. Susú Cores é a primeira muller en tomar as rendas dun club de Preferente e no estadio viveirense recibirá o seu bautismo. «Penseimo moito. Estivera o ano anterior como preparadora física e sabía que o vestiario estaba comigo (...) Dos xogadores saíu a proposta», declaraba a La Voz de Barbanza no inicio da pretemporada a adestradora nada en Ribeira en 1985. «É un reto persoal, se que haberá momentos difíciles, pero tómomo como unha experiencia e como aprendizaxe», engadía.

Foz e Ribadeo

Entre os partidos que máis expectación encerran inclúense outros dous con presenza mariñá. O Ribadeo abrirá a competición no campo dun Sigüeiro recentemente ascendido e capitaneado por un goleador gran reserva como Juanito, ex xogador do Compos, o Dépor e o Betis, entre outros, mentres que o Foz e a Sarriá disputarán un apaixonante derbi provincial no Martínez Otero.