As acampadas seguen vetadas no Prado de Ramos de Foz

a.q. FOZ / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

O anterior goberno do PP prohibiunas, xerando polémica, e o PSOE di ter recuperado o espazo

13 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Ou novo Goberno de Foz camiña ata ou primeiro mes de mandato con paso firme e selando xa

vos seus primeiros obxectivos programáticos». Así comeza un comunicado divulgado esta semana polo PSOE de Foz, que conclúe, tallante: «Seguiremos cumprindo a palabra dada». No medio, unha relación de acontecementos e o anuncio de que o novo goberno «recuperou un lugar emblemático de xuntanza como son os xardíns do Prado de Ramos na Praia da Rapadoira. Un recordo á historia do noso pobo sempre tan presente como referente na acción de goberno do executivo. Vamos apostar pola cordura e a responsabilidade dos usuarios ampliando a actividade do areal aos seus espazos verdes limítrofes. Un turismo de calidade, pero para todos. Por conseguinte, vaise traballar para evitar as acampadas, o que non quita que se poda facer uso de útiles de praia como unha cadeira, unha toalla ou un parasol».

É certo que a pasada fin de semana xa se viu a moita máis xente da habitual usando o Prado de Ramos. Pero, que cambiou neste emblemático espazo xunto á praia da Rapadoira. Nada a xuízo do PP, cuxo portavoz e anterior alcalde, Javier Jorge Castiñeira, afeou ao goberno municipal «que minta descaradamente». E advírtelle: «Imos estar vixiantes e saír ó paso de cada mentira».

O razoamento que fai Castiñeira dista moito do PSOE. Lembra que foi el no seu primeiro mandato quen prohibiu as comidas de grupos que eran habituais no lugar. E di que foi o PSOE, durante a campaña electoral, «quen dixo que as ía volver a permitir. E que cambiou? Nada. Nin a sinalización e aínda por riba veñen falando de promesas cumpridas».

«O meu goberno nunca prohibiu que a xente estivera no Prado de Ramos, o que prohibimos foron as acampadas e as comidas. E o actual goberno tampouco o vai permitir? Pois moi ben. E se a xente se nega, que vai facer? Supoño que mandar á Policía municipal. O que pasa é que o alcalde fala de ouvidas e pola boca do señor Rivera. Pero que non minta: non permite as comidas no Prado de Ramos, en contra do que prometeu en campaña e mantense todo como estaba».