A carreira entre Foz e Burela abriu a nova edición do circuíto Tour Mariña

I.MEITIÍN BUJÁN

A MariÑA

Pepa Losada

O manchego David Castro e a naronesa Sara Guerrero foron os campións da 15K A Mariña Banco Mediolanum

16 jun 2019 . Actualizado ás 14:16 h.

Xa está en marcha a nova entrega do circuíto Tour Mariña de carreira populares. O pistoletazo de saída deuse este domingo na 15K A Mariña Banco Mediolanum, na que algo máis de 170 atletas completaron un percorrido de 15 quilómetros integramente costeiro coa praia focense de Llas como punto de partida e a Praza do Concello de Burela como destino. David Castro Fajardo e Sara Guerrero Manso foron os máis rápidos e coroáronse na meta burelense.

De inapelable podería cualificarse o triunfo do reputado atleta de Albacete, que marcou un tempo de 47 minutos e 41 segundos e cruzou o arco de meta cunha boa diferenza sobre o burelense Cristian Expósito Campos (00:50.52). A estes dous aspirantes acompañounos no podio o veterano corredor da Pastoriza José Luis Valiña Méndez, do Verxel Nutrición Deportiva.

Máis suspense deixou a categoría feminina, onde a moza Sara Guerrero , do AD Náutico de Narón, completou o percorrido en pouco máis dunha hora (01.01.33) e con só 24 segundos de diferenza sobre a inoxidable veterana da Pontenova Ana Isabel González Margaride. O podio completaríao outra clásica das carreiras populares na Mariña e a provincia, Zelin Spencer do Club Atletismo Vilalba.

A próxima cita do circuíto Tour Mariña será o domingo 20 de xullo coa disputa da cuarta edición da Carreira Nocturna Burela Bonita.