Outra final, mesmo adversario

Ignacio Meitín Buján
I. MEITÍN BUJÁN BURELA / LA VOZ

A MariÑA

Pepa Losada

O Peixes Rubén-Burela gaña o derbi e cítase co Atlético de Madrid na última batalla

15 jun 2019 . Actualizado ás 22:44 h.

A semifinais tampouco guindaron sorpresas. Polo tanto, serán as dúas maiores potencias do fútbol sala feminino en España as protagonistas do combate que decidirá o título na nova entrega da Copa da Reina (17.00 horas. Vista Alegre). Como nas catro finais anteriores que disputou [2013, 2015, 2016 e 2018], o Peixes Rubén-Burela terá en fronte a un Atlético de Madrid ao que só bateu nun deses decisivos enfrontamentos. O equipo anfitrión está onde quería grazas á súa pegada e salvado pola pouca dinamita que ten o Ourense Envialia, que lle complicou as cousas moito máis do que reflicte o marcador final.

Como nos cuartos de final ante o Universidade de Alacante, o conxunto anfitrión fixo gran parte dos seus deberes na primeira entrega e acadou o descanso cunha zumenta vantaxe que algúns daban como definitiva. E iso que o derbi comezou cos papeis cambiados, atacando o Ourense Envialia e o Peixes Rubén capeando o ballón como podía. Na inesperada posta en escena talvez tivese moito que ver o tamén sorprendente canonazo de Dany. Só se consumiron 88 segundos. Recibiu de costas, virou sobre si mesma e mandou o coiro á escuadra. Un marabilloso gol que descubriu a cara máis ambiciosa das pupilas de Morenín. Primeiro foi Ana Romero a encargada de frear a avalancha e despois fíxoo Julio Delgado na lousa apostando por Bea Mateos como porteira-xogadora. O recurso non só serviu ás laranxas para aliviar os seus problemas, senón que ademais lles permitiu subir un novo gol á súa conta froito dunha extraordinaria triangulación que finalizou Peque a pracer. Tras o 2-0 o Burela desistiu no xogo de cinco e o Ourense colleu a substitución con Bea Seijas como comodín. Na conta atrás do último minuto, e cando parecía que a primeira parte non daría máis de si, Luci percutió na súa carreira e subiu o terceiro ante a saída á desesperada de Vane.

O descaro e a ambición das ourensás tivo o seu premio co gol de Sara Moreno, que non só consolidou a fe do seu equipo senón que ademais volveu xerar confusión nas laranxas. Julio Delgado pensou entón no recurso habitual, aínda que nesta ocasión o xogo de cinco non forneceu efecto. Tras un paradón de Ana Romero a tiro de Chiki, Dany non desperdiciou a indecisión de Bea Seijas e Vane e ditou sentenza. Aínda houbo tempo para un novo tanto de Sara Moreno e outro da burelista Peque, que leva camiño de converterse na xogadora máis brillante desta nova edición da Copa da Reina .