«Unha mestra de Mondoñedo promoveu a atención a galegas prostituídas en Cuba»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

A MariÑA

ALBERTO LÓPEZ

Andrea Lopez Chao aparece na novela «Sándalo», de María Xosé Porteiro

26 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Sostén María Xosé Porteiro que escribir é terapéutico. Ela leva facéndoo toda a vida. Como xornalista e como escritora. Sándalo, a súa segunda novela, unha obra «con corpo de relato estimulante dos sentidos e dos sentimentos», acaba de ver a luz e onte presentouno na cidade de Lugo, en Trama. Alí estivo acompañada da artista plástica Luz Darriba, do xornalista Martín Fernández Vizoso e do director xeral de Galaxia, Franciso Castro, o home que empurrou a Porteiro a converter nun libro historias que xa estaban na súa mente e na súa vida. «Francisco é o pai por poderes desta novela», asevera.

-Que é «Sándalo»?

-«Sándalo» é unha novela de ficción histórica que transcorre no decurso de dous séculos entre Cuba e Galicia. Estamos falando dunha relación transatlántica no tempo e no espazo. Ademais de fitos históricos, contén esa parte sociolóxica de Galicia que é a da diáspora, a migración. Unha vez que vin a novela escrita, que non era o meu propósito, decátome de que hai unha homenaxe ao inmenso traballo feito por milleiros de homes e mulleres nosos que fixeron unha auténtica epopea durante máis dun século axudando a construír unha sociedade nova lonxe da súa, pero sen perder os vínculos, e que xa temos incorporado. Galicia non sería a Galicia de hoxe se non existise a Galicia de ultramar.

-Di que non era o seu propósito escribir a novela.

-Eu son emigrante e proveño dunha familia na que as migracións a América comezaron no século XIX. Temos mil historias contadas arredor dunha mesa e dun café que levo toda a vida escoitando. É algo moi presente na miña vida, na miña forma de entender o lugar onde estou. A revolución cubana pilloume alí, teño moitas vivencias desa época e o que fixen foi novelalas, pero a novela comeza en 1823, e daquelas non estaba alí (risas). Hai unha parte que ten moito que ver con vivencias reais noveladas.

-«Sándalo» é unha colección de pequenas historias que se suceden ao logo de dous séculos?

-En Sándalo hai o que te atopas na rúa, multitude de persoas diversas que coinciden e conflúen ou que van en paralelo vivindo as mesmas situacións. Ten unha estrutura non canónica, é unha novela que podes comezar a ler por calquera dos capítulos e en calquera momento vas atopar o fío que a une. Non é principio, nó e desenlace. Todo flúe de maneira aparentemente anárquica e todo ten unha lóxica.

-Na obra poden atoparse protagonistas da Fonsagrada, de Ribeira de Piquín,... por que?

-A Galicia que me inspira é esta, é a da miña familia, que é de Pol, de Ribeira de Piquín, sigo tendo moita familia aquí, e esta é a Galicia coa que contacto na miña nenez cando vou a Cuba e tamén cando retorno, aínda que vivo en Vigo. As historias que me conta miña avoa son as do nacemento do Pedragal do Irimia. É unha raíz moi lóxica para min. Ademais, despois da zona de Ortigueira, esta comarca de Lugo e da Mariña foi a que máis xente mandou para alá.

-Na súa novela aparecen personaxes que foron reais?

-Si, pero non polo seu nome. Si aparece a directora do Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana, Andrea López Chao, que é unha mestra de Mondoñedo que queda viúva e marcha para Cuba a principios do XIX ela soa. É unha muller de tal inquedanza persoal e tal personalidade que, por oposición, consigue a praza de directora do Plantel. É ela quen promove a creación do centro Hijas de Galicia para atender a mulleres prostituídas galegas que moitas acaban na cadea, outras necesitaban atención médica… É o único caso que existe no mundo de mulleres emigrantes en situación de prostitución que se organizan para prestarse axuda mutua.

-Pode dicirse que «Sándalo» vindica o feminismo?

-As mulleres emigrantes, que eran o 15 % da masa migratoria no momento de maior fluxo, nas dúas primeiras décadas do século XIX, estiveron totalmente opacadas, non se falou delas. O feito de que moitas foran traficadas é en moitos casos segredo de familia que ninguén quere recordar. Pero eu si. Paréceme moi importante porque están na historia, non na oficial, pero si na real. É un xeito de ser veraces e de entender que si se empoderaron cando as que conseguiron salvarse e axudarse unhas a outras se constitúen nun centro de gran relevancia. Hijas de Galicia foi o centro obstétrico máis importante de América Latina do século XX e participou nos primeiros congresos feministas de Cuba. Isto forma parte do contexto literario, pero é realidade.