A caravana que ofrece pisos de Aliseda esperta moito interese na Mariña

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

Xaime Ramallal

O vehículo, que estará hoxe en Viveiro, oferta vivendas de primeira e segunda residencia

19 abr 2019 . Actualizado ás 18:10 h.

A caravana que estes días percorre A Mariña ofrecendo pisos de Aliseda Inmobiliaria aproveitando o tirón da Semana Santa está a espertar moito interese. Así o confirmaron este xoves fontes da empresa, que destacaron a gran cantidade de xente e de potenciais clientes que atenderon esta semana en Foz, Burela, Ribadeo ou Cervo interesándose polas máis de 230 vivendas de obra nova e «listas para entrar a vivir» que teñen en San Cibrao, Foz, Viveiro ou Xove. Tamén pola decena de casas e pisos de segunda man. «Atendemos clientes de primeira e de segunda residencia», aclararon en Viveiro, onde a caravana tamén estará hoxe. Mañá viaxará a Ribadeo.

«A Mariña é un valor en alza pola paisaxe, a gastronomía e as comunicacións»

O delegado comercial para A Coruña Costa-Lugo de Aliseda Inmobiliaria destaca que «A Mariña é un valor en alza pola paisaxe, a gastronomía e as comunicacións». «Nós non somos promotores, só xestionamos activos bancarios, e non só pisos ou casas, tamén garaxes, baixos ou locais comerciais», sinalou Óscar Pita, que destacou que a praia das Catedrais ou a Semana Santa de Viveiro, de Interese Turístico Internacional, atraen moito turismo, pero tamén posibles compradores. Ademais de ofrecer información, na caravana tamén están a recoller datos e programando e realizando algunhas visitas aos pisos. «Respondemos a todas as necesidades do cliente», manifestou.