Por un billete a Terceira División

Ignacio Meitín Buján
i. meitín buján VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

Viveiro e Noia libran en Cantarrana un partido clave na loita polo ascenso

14 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Levaba moito tempo a afección de Cantarrana querendo un partido como este (17.00 horas). Un duelo de quilates, como os de outrora, cargado de emoción, interese, relevancia... E cun forte tufo a Terceira División. O ascenso está en xogo para dous equipos de corte moi similar, separados entre si por unha pírrica diferenza de dous puntos e cun bo puñado de futbolistas capaces de inclinar a balanza e marcar as diferenzas cando a estratexia colectiva non resulta efectiva. Chusky, o estratego viveirista, baralla varias alternativas para o centro da zaga, onde Roi é fixo, e o seu plan é devolver a titularidade a Arturo tras os seus dous goles en Ribadeo en detrimento de Rolle. Ao Noia defíneo como un «equipazo feito para ascender» e advirte de que Adrián Quintarios, autor de 25 goles e excanterano do Real Madrid durante oito anos, non é a única ameaza para o seu equipo.

Ao tren con destino a Terceira quere engancharse o Ribadeo co gallo de a súa visita ao campo do Arzúa (17.00 horas), o equipo que desprazou ao Viveiro do segundo posto na pasada xornada. Os sancionados Aitor e Javicho e os lesionados Cube, Pablo Rivas e Juanma completan a nómina de baixas do cadro mariñán, cuxo técnico prefire obviar a posibilidade de sumarse definitivamente á carreira polo ascenso.

O Foz, pola súa banda, recibe (17.30 horas) ao Sofán con serias urxencias de puntos tras lograr só unha vitoria nas nove últimas xornadas. Canario e Gonzalo son os únicos branquivermellos indispostos para a cita.