O día en que o perigoso «Rambo» caeu nun club de alterne de Xove en marzo de 1997

E. G. REDACCIÓN / LA VOZ

A MariÑA

XULIO VILLARINO

Escondíase en montes xovenses e estaba en orde de busca e captura desde 1989, hai 30 anos

05 mares 2019 . Actualizado ás 11:55 h.

Se dicimos «Rambo» seguro que moitos o asocian directamente a Silvester Stallone. Aínda que na Mariña os recordos que poida evocar tan cinematográfico alcume veñen desa realidade que, en numerosas ocasións, dise que supera a ficción. E así foi. Rambo é tamén o alias de Alfredo Sánchez Chacón, quen foi condenado no ano 2002 en relación co asasinato nun bar de Cuntis dun mozo, Manuel García Varela, na madrugada do 19 de agosto de 1996. Pero hai que remontarse a outra madrugada, a dun luns 17 de marzo de 1997 para establecer a conexión do que foi todo un experto en fuxidas coa comarca mariñá e reler titulares de prensa como: «A Garda Civil busca a Rambo nos montes de Viveiro e O Vicedo», «A procura de Rambo iniciouse tras ter sido roubadas conservas en casas de Vicedo» e, finalmente, «A gran afección de Rambo polos clubs nocturnos propiciou a súa detención en Xove».

A operación, da que deron detalles o entón gobernador civil de Lugo José Antonio Labrada e o tenente coronel da Garda Civil Manuel Quiroga, cualificouse de «brillante» sobre todo por «a enorme capacidade de mobilidade de Rambo que lle serviu para fuxir durante oito anos da Xustiza, case sempre refuxiado nos montes». Aprendera técnicas de supervivencia durante a súa pertenza á Compaña de Operacións Especiais do Exército e estaba en busca e captura desde 1989, con varias reclamacións xudiciais máis amais . En 1993 «estivo a durmir no Valadouro, a uns 50 metros do cuartel da Garda Civil», dicían as crónicas.

O final da «película» mariñá de Rambo , baseada en feitos moi reais, comezou cando levantou sospeitas dos xovenses ao ir comprar a unha tenda na Rigueira. A Garda Civil puxo en marcha un dispositivo de vixilancia. E foi reducido polos axentes nun coñecido club de alterne de Xove xusto o mesmo día no que se celebraba o popular Domingo dás Tortillas en Viveiro.