Sargadelos continúa hoxe e mañá coa venda de cerámica rebaixada un 40 por cento

Lucía Rey
lucía rei CERVO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

Ata mañá ao mediodía pódense comprar produtos descatalogados ou con pequenos defectos

23 feb 2019 . Actualizado ás 13:28 h.

Os convulsos momentos vividos nos últimos anos a nivel empresarial, laboral e mesmo xudicial parecen non ter restado un chisco de prestixio á marca Sargadelos. Iso explica a gran aceptación que está a ter o Outlet organizado pola firma nas súas instalacións de Cervo -puxo en marcha outro de similares características nas galerías de Cerámicas O Castro, en Sada- para desprenderse de cerámica descatalogada ou que teñen algún pequeno defecto. A iniciativa, que ofrece descontos do 40%, arrincou o pasado luns, día 18, e prolongarase ata este domingo, día 24, «en horario habitual de tenda», segundo sinala Sargadelos nas súas redes sociais.

Distintas fontes apuntan que moitos mariñáns «que se decataron» non queren perder a oportunidade de comprar a prezos tan rebaixados unha peza ou algún produto da emblemática fábrica de cerámica, que deu os seus primeiros pasos a principios do século XIX con Antonio Raimundo Ibáñez, foi recuperada na segunda metade do século XX grazas ao impulso de Isaac Díaz Pardo, e a piques de acabar a segunda década do XXI está inmersa noutra etapa. Iso explica, aseguran, as longas colas que se formaron estes días na contorna da planta circular, especialmente o luns, o martes e o mércores, para acceder a esta especie de mercadillo. 

«Non contabamos con tanto volume de clientes», afirma a empresa nas súas redes sociais

O Outlet de Sargadelos funcionará ata o domingo co seguinte horario. Hoxe, sábado abrirá de once da mañá a dúas da tarde, e de catro a sete da tarde. E o domingo tamén estará operativo para atender aos clientes máis atrasados ou que non teñan tido a oportunidade de acudir antes. A tenda estará operativa pola mañá, entre as once e as dúas. «Non contabamos con tanto volume de clientes», afirma a empresa nas súas redes sociais, onde respondeu as suxestións dalgúns internautas que visitaron a iniciativa. «Estamos a traballar para que os próximos días non queden artigos sen etiqueta, así como en mellorar o punto de venda e de cobros», contestou a unha clienta que se declarou «namorada de Sargadelos».

Un outlet no que se poden atopar vaixelas, xogos de café, té e pastas ou figuras con decoracións emblemáticas

Vaixelas completas, xogos de café, té e pastas, froiteiros ou figuras de adorno son algúns dos produtos de Sargadelos que se poden adquirir no Outlet de Cervo, que é unicamente presencial xa que non dispón de venda en liña. Ao parecer, a maior parte da cerámica que a empresa puxo á venda neste mercadillo levaba anos gardada nos almacéns da factoría, sen posibilidade de entrar nas canles comerciais habituais por dúas razóns. Ben porque se trata de pezas descatalogadas, que xa non se fabrican e que foron quedando relegadas, ou ben porque no seu proceso de fabricación sufriron algunha pequena tara, o que imposibilitou a súa venda.

Numerosos eloxios

«Boa iniciativa e moi interesante» ou «Felicidades, paréceme unha idea moi acertada [...] Creo que debiades estudar a posibilidade de ter cinco ou seis figuras en promoción todos os meses» son só dous dos comentarios vertidos nas redes sociais para aplaudir a iniciativa.