Malestar no Concello por «menosprezar» a súa axuda ao Viveiro FC

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

«Non poido entender é que para xustificar esa axuda se minta, critique e menosprecen as axudas concedidas polas demais administracións», apunta a rexedora María Loureiro

19 feb 2019 . Actualizado ás 19:39 h.

As axudas anunciadas a semana pasada polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, de 46.250 euros para mellorar os campos de fútbol de Ribadeo e Viveiro suscitaron opinións críticas nos dous concellos. Primeiro foi Fernando Suárez, rexedor ribadense, quen cargou contra Balseiro, cualificando a subvención de esmola. E onte as críticas chegáronlle desde o Concello de Viveiro.

Cabe lembrar que Balseiro compareceu en ambos os casos con directivos dos equipos de fútbol e con membros do PP dos dous concellos. En Viveiro foi para anunciar melloras no sistema de iluminación e a reforma dos aseos do estadio de Cantarrana. Ao contrario que Suárez, María Loureiro fai constar publicamente que «nos alegramos profundamente de que a Xunta conceda esta segunda subvención para mellorar as instalacións nas que xoga o Viveiro Club de Fútbol; tamén nos alegramos de que a Xunta conceda a Viveiro esta axuda por tratarse dunha subvención extraordinaria, pois a este concello só se lle veñen concedendo as subvencións que por lei lle corresponden».

Di Loureiro que non vai valorar o feito de que Balseiro non invitase o goberno de Viveiro, e si a concelleiros do PP, á presentación da subvención, «que máis parecía un acto de campaña electoral», pero añade: «O que dende logo non poido entender é que para xustificar esa axuda se minta, critique e menosprecen as axudas concedidas polas demais administracións».

E Loureiro cita a mellora realizada en 2009 polo Concello a través do plan E, por importe de 60.000 euros, para cubrir as bancadas e facer melloras nos vestiarios. «Ademais, o Concello de Viveiro sempre atendeu as demandas da directiva do club e vén colaborando mediante a sinatura de convenios anuais e outras achegas destinadas ao pago dos buses para o transporte».

«Cando o Viveiro CF atravesaba unha situación complicada, o Concello de Viveiro, realizando un esforzo importante, estivo aí; cando a directiva actual pediu ao Concello o pago do transporte, a pesar de ter recibida xa a axuda anual correspondente, o Concello aceptoou», engade a alcaldesa.

Tamén alude a alcaldesa á moción presentada polo PP en outubro do ano pasado para facer máis melloras en Cantarrana, cando xulgou que había máis demandas en instalacións deportivas que valorar.

Ante as críticas, Loureiro decidiu divulgar as axudas concedidas ao Viveiro FC nos últimos anos só para o equipo sénior. En total, desde 2015 ascenderon a 72.259,90 euros. Para este 2019, o club solicitou a firma dun convenio por unha contía de máis de 20.000 euros, máis o pagamento do transporte. «Estas cifras demostran que o Concello leva anos colaborando co Viveiro CF e que, en ningún caso, se pode permitir que para publicitar unha axuda concedida pola Xunta se menosprece a colaboración desta administración».