A Fiscalía pide 3 anos de cárcere a un acusado de cultivar marihuana en Xove

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

CEDIDA

Tamén solicita que sexa condenado a unha multa de 6.642 euros

15 feb 2019 . Actualizado ás 20:22 h.

Por un presunto «delito contra a saúde pública», o vindeiro xoves será xulgado no Penal 1 de Lugo un acusado de «cultivo de plantas de marihuana» nunha cabana anexa a unha vivenda en Xove. Ao entender que o faría «para logo destinala ao tráfico de drogas e consumo de terceiros», a Fiscalía pide que sexa condenado a tres anos de cárcere e a unha multa de 6.642 euros.

A finais de setembro do 2017, un xulgado de Viveiro «acordou a entrada e rexistro» do domicilio. Segundo a acusación pública, incautáronlle distintos «útiles que empregaba para o cultivo de marihuana», así como 455 gramos de planta de cannabis que valora en 2.484 euros, 129 gramos de cannabis que valora en 34 euros e 9 gramos de ramas de planta de cannabis que valora en 494 euros. Desas sustancias, 26 plantas pequenas e 26 medianas acháronas en «un saco de lixo». Sen antecedentes penais, ao acusado vixiárono as forzas de seguridade no verán do 2017.