Detectives á caza de «cornos» na Mariña

Lucía Rey
lucía rei VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

Óscar Vazquez

Destacan que agora hai tantos homes como mulleres que contratan investigacións para confirmar infidelidades

17 feb 2019 . Actualizado ás 21:07 h.

Confirmar unha infidelidade pode ser un bo paso para facer un alto, pór fin a unha relación sentimental á que non se lle albisca futuro e seguir cara a adiante. E por iso é polo que un número importante de mariñáns opten por contratar os servizos de detectives privados para confirmar que a súa parella os engana, como certifican desde varias axencias de Lugo que realizan habitualmente traballos na comarca. Distintos profesionais do sector indican que «a costa» é a zona da provincia onde máis traballo teñen neste campo. Unha delas é Detectivesdelugo.com. Segundo detalla o seu director, Juan Pantín Bouza, antigamente a maior parte das persoas que solicitaban un seguimento e control das súas parellas eran mulleres que querían coñecer que facían os seus maridos nas horas que pasaban fóra desde que saían do traballo ata que chegaban a casa, pero a situación cambiou en paralelo á evolución da sociedade e á emancipación da muller. «Antes que un home viñese a un despacho de detectives era rarísimo, pero agora ninguén quere vivir coa dúbida de se o están enganando ou non, e estamos preto do 50%», engade, antes de explicar que as cuestións relacionadas cos enredos amorosos supoñen «polo menos» un 60% da súa actividade, fronte ao 40% das investigacións laborais. Tanto Pantín como o responsable de Indaga Detectives, cuxa delegación en Lugo cobre toda A Mariña, sosteñen que cando unha persoa decide contratar a un detective porque ten indicios fiables, «a infidelidade é practicamente segura». «Algún enfermo patolóxico de celos pode haber, pero na maioría dos casos o engano é real», apunta o segundo.

De 40 a 60 euros a hora

As ceas do Nadal de empresa, así como as noites dos venres e os sábados son momentos «críticos», nos que os detectives teñen máis traballo. «Gravamos todo en vídeo principalmente porque unha imaxe en movemento vale máis que mil palabras», recoñecen. O custo dunha hora de investigación oscila entre os 40 e os 60 euros, segundo o horario e a data, posto que polas noites, os festivos e os domingos o prezo encarécese. «Canto máis nos acoute o tempo da investigación a persoa que nos contrata, é dicir, díganos por exemplo as tres horas nas que dubida da súa parella, máis económica sae», engaden

Varios profesionais afirman que «a costa» é a zona de Lugo onde máis traballo teñen

As ceas do Nadal de empresa e as noites de venres e sábados, as datas máis movidas

Espiando a pais separados que «desatenden» fillos, e a nais que conviven con outra parella

A diferenza do que podería ocorrer ata hai uns anos, hoxe en día «o feito de cometer unha infidelidade non implica nada nunha separación», afirman varios detectives que traballan na Mariña. No que si teñen incidencia os seus traballos de investigación, aseguran, é nos procesos de separación nos que hai nenos polo medio e que, desgraciadamente, adoitan acabar sendo «moeda de cambio». Nese sentido indican que cada vez hai máis mulleres que contratan este tipo de servizos para demostrar con probas gráficas e documentais que, no tempo que pasan cando están con eles, os homes non se ocupan como cómpre dos nenos. O obxectivo é conseguir a custodia. «Hai pais separados excelentes, pero hai outros que desatenden aos fillos e fanse informes», revela un investigador.

Extinguir a pensión

No extremo oposto sitúanse os homes, segundo relatan. Aí, ao parecer, a maior parte dos que recorren a un detective queren «extinguir a pensión compensatoria» ou conseguir que a nai abandone a vivenda na que reside en usufructo cos fillos. Por iso o obxectivo céntrase en tratar de demostrar que a convivencia dunha terceira persoa no inmoble. «É por un tema económico case sempre», abundan.