«Estou ansioso por vivir o ambiente de Vista Alegre coas bancadas cheas»

La Voz

A MariÑA

PEPA LOSADA

O burelista Juanfran confía na capacidade do equipo e o alento da afección para dar «un paso grande» cara a Primeira ante o Betis

15 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

No vestiario do Peixes Rubén-Burela ninguén dubida de que mañá non lles faltará apoio desde a bancada e por iso preparan «a conciencia e coa motivación máxima» o transcendental partido ante o Real Betis, que arrincará ás cinco da tarde. Hai que estar altura do ambiente e, se se pode, dar unha boa zancada cara a Primeira División. «Seguro que será un gran partido e o público pasarallo en grande», opina Juanfran (Murcia, 1992), que agarda o duelo con ilusión, optimismo e o debido respecto cara a un adversario que volve ao Vista Alegre cun puñado de exburelistas: Daniel Ibañes no banco, e Jorge Bellvert, Víctor López e David Burrito sobre a cancha.

-Nótase no traballo diario que se achega un partido cargado de importancia?

-Claro que se nota no día a día que vén un partido especial. Estamos a traballar con moitas ganas e moita ilusión porque somos conscientes de que estamos ante un encontro de suma importancia.

-Non me negará que se gañan meten pé e medio en Primeira?

-Non é un partido decisivo. Gañando daremos un paso grande cara ao noso obxectivo, aínda que non creo que metamos un pé e medio en Primeira. Quedan moitos puntos en xogo e estamos a ver que en practicamente todas as xornadas se producen sorpresas, así que non poderemos entusiasmarnos máis da conta se gañamos nin pórnos dramáticos sen perdemos.

-Juanfran é dos xogadores que soportan ben a presión?

-Non teño problema, xa me vin varias veces en situacións como esta. A clave está en non facer máis do que sabes porque entón tes moitas posibilidades de facelo mal.

-Aínda non viu a verdadeira forza do público de Vista Alegre.

-Non, non, e teño moitas ganas. Estou ansioso por vivir o ambiente de Vista Alegre coas bancadas cheas. Seguro que a afección responderá porque me dixeron que sempre o fai.

-Lin que o preparador do Betis daría por bo o empate.

-Diríao de cara á galería. Seguro que de portas para dentro no Betis non pensan noutra cousa que non sexa a vitoria.

-O Burela asínao?

-En absoluto. Temos confianza plena na nosa capacidade, no traballo que vimos facendo desde a pretemporada e só pensamos en gañar.

-Dá a sensación de que este encontro non lles chega no mellor momento.

-É verdade que levamos dúas semanas con sensacións diferentes, talvez pola inesperada derrota en casa ante o Bisontes Castelló. Isto é deporte e hai bajones, pero se confiamos no traballo as cousas sairán ben.

-A fórmula para gañar ao Real Betis xa a coñecen.

-Na primeira volta gañámoslles por 3-5, pero non vai ser doado porque se trata dun equipo moi sólido cunha boa mestura de xogadores veteranos e novos.

-Será un partido de goles?

-Non sabería dicirche. O que teño claro é que se decidirá por pequenos detalles.

-Preocúpalle algo en concreto do Betis?

-Creo que a experiencia pode ser unha das mellores bazas do Betis. Con xogadores como Tobe, Cidao, Borja Blanco ou Víctor López, entre outros, seguro que nas situacións máis complicadas do encontro non se van a pór nerviosos nin lles poderá a inquedanza. Contra iso tamén temos que saber loitar.

«Tiña claro que non me equivocaba fichando polo Peixes Rubén»

Xunto a Edu, Lucho, Vargas e Pope, Juanfran completa o grupo de burelistas que participaron nas 20 xornadas disputadas. E con oito goles, os mesmos que Renato, é o segundo máximo realizador do equipo por detrás de Matamoros, que suma 16.

-Está satisfeito da súa achega ao equipo?

-Si, creo que estou a achegar cousas, aínda que con tantos compañeiros con tanta calidade resultado moito máis doado. O meu punto débil é a defensa e esfórzome ao máximo en cada adestramento para seguir mellorando.

-Nótaselle moi a gusto e integrado no club.

-Estou súper contento. Murcia queda moi lonxe, pero aquí síntome como en casa. O Peixes Rubén é un club moi familiar e dentro do persoal, ademais de compañeiros, somos todos amigos, o que favorece a que un se atope a gusto. Antes de vir todo o mundo me falaba marabillas deste club e desde primeiro día tiven claro que non me equivocaba fichando polo Peixes Rubén.