Xove repartirá case 4.000 euros en premios non desfile de Entroido que celebrará ou sábado 2 de marzo

La Voz XOVE / LA VOZ

A MariÑA

MARIO EIJO

14 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Concellería da Cultura do Concello de Xove repartirá case 4.000 euros en premios no desfile de Entroido, que se celebrará o sábado 2 de marzo. Segundo se explica no programa de actividades dado a coñecer, esa xornada celebraranse os actos centrais, que darán comezo ás 16.00 horas cun pasarrúas a cargo da charanga Os Charangos, que previamente ofrecerá unha pequena actuación na residencia da terceira idade San Bartolo. Ás 17.00 horas dará comezo o desfile de Entroido, que partirá do campo municipal de Xove e percorrerá as distintas rúas do centro antes de chegar ao centro cívico. Ao rematar, a partir das 18.30 horas, no pavillón de deportes haberá un baile infantil de disfraces coa discoteca móbil Decibelios; e xa pola noite, das 22.30 horas en diante, Decibelios e o grupo Fénix amenizarán un baile de disfraces para os adultos. A entrada ás dúas citas será libre e gratuíta. Un día antes, o venres 1 de marzo, a Concellería de Servizos Sociais organizará o Festival de Entroido da Escola Infantil de Xove. Os máis pequenos desfilarán para rematar co propio festival no salón de actos do Centro Cívico a partires das 11 horas. Entre outros moitos, a sección de carrozas contará cun primeiro premio de 500 euros, un segundo de 350, e dous terceiros de 250. As comparsas e grupos de dez persoas ou máis poderán optar a un primeiro de 300 euros, un segundo de 250, e dous terceiros de 200. A inscrición xa está aberta, e pódese realizar na Casa do Concello ou no 982 592 001. Todos os participantes que se inscriban previamente recibirán un agasallo.