«Os nenos deben ver ao pai pranchando roupa e á nai pasándolle a ITV ao coche»

Lucía Rey
lucía rei VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

CEDIDA

Esta mestra de Primaria leva semanas preparando ou Día Internacional dá Muller

12 feb 2019 . Actualizado ás 21:38 h.

Unha sociedade realmente igualitaria, na que a muller e o home teñan na práctica as mesmas obrigas e os mesmos dereitos á hora de organizar as tarefas do fogar, planificar as compras, coidar aos fillos e aos maiores ou traballar fóra da casa, entre outros, non se logra dun día para outro. É necesario ir sumando moitos pequenos xestos, como destaca Míriam Bermúdez García, natural de Xove e veciña de Viveiro, de 31 anos, que, cando o seu traballo como mestra no colexio de Santa Comba (A Coruña) llo permite, participa activamente en Galegas 8M, a plataforma que nas últimas semanas está organizando reunións abertas por toda A Mariña -a seguinte será mañá ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Foz- para preparar a celebración do Día Internacional da Muller, que terá lugar o vindeiro 8 de marzo.

-Como xurdiu a plataforma?

-Isto vén de lonxe porque en Viveiro xa organizamos moitas manifestacións contra a violencia machista. Cada vez que se produce un asasinato, convocamos actos na Praza da Fontenova ou na Praza Maior.

-Por que pensan que é tan importante loitar pola igualdade real entre home e muller agora?

-Porque estamos nun momento no que a sociedade está adormecida. Ás veces cando se fala dun asasinato ou das diferenzas que hai, por exemplo, entre o salario ou a pensión que cobra unha muller e un home úsanse argumentos a modo de desculpa. Deixámonos levar polo que nos din e é o momento de evidenciar que as mulleres estamos nunha situación de discriminación en moitos ámbitos. Que non nos enganen, sabemos o que hai.

-Que sensacións perciben nas xuntanzas que teñen realizado xa na Mariña?

-Preocúpame sobre todo a xuventude porque a partir dos trinta ou dos corenta a xente está máis concienciada. A xente da miña idade xa pasou polo ámbito laboral, e as máis maiores están co tema das pensións, polo que levan tempo sufrindo na súa pel a discriminación. Pero é importante que as mulleres novas escoiten a experiencia das maiores, exemplos de carne e óso como o dunha muller limpadora que cobra menos que un home limpador de cristais polo feito de ser muller. En xeral temos unha sociedade adormecida, desmobilizada, á que lle falta implicación.

-A celebración do 8 de marzo do 2018 fixo historia na Mariña...

-Foi un antes e un despois. A asistencia á manifestación de Burela foi masiva, chegou xente de todas partes. Había moita de Barreiros, do Vicedo... Era emocionante ver ás nais levando ás fillas e aos fillos da man. Para que empecen a ver que todo o que temos non nos vén dado, e que temos que volver reivindicar cousas polas que pensamos que xa non iamos volver ter que loitar.

-Que considera que se debe facer no día a día para avanzar cara á igualdade real?

-Que os nenos vexan, por exemplo, ao pai pranchando roupa e á nai pasándolle a ITV ao coche. Que teñan o exemplo na casa de que pai e nai poden facer as mesmas tarefas. Se iso non se empeza a cambiar desde a base, pouco exemplo lles imos dar. Hai que modificar as condutas no día a día, para que quede unha semente. Por iso hai que volver reivindicar a folga de coidados, que é tan importante. As mulleres temos moitísimo máis poder do que cremos porque ademais xestionamos case todo a nivel comercial, de roupa, comida, facturas... Somos un grupo de consumo moi apetitoso.

«Estamos adormecidos, preferimos ir de compras a unha manifestación para defender a sanidade pública»