A ti, pequeno Julen

Ramón Hermida Pumares

A MariÑA

23 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Oxalá este artigo publicado hai uns anos forneza os mesmos efectos co pequeno Julen. Por desgraza a historia repítese.

Nin asubíos, nin apupos nin gaitas, só bágoas. Bágoas, ríos de bágoas de todo o mundo furaban montes e montañas, cruzaban ríos, océanos e vales para cantar sálvea Mariñeira á vida que se estaba afogando en dique seco a 700 metros de profundidade de calquera deserto, alá en Chile.

Cadáveres vivos con sepultura baixo sete chaves enterrados o 5 de agosto e respirando ata o 13, día de calquera Virxe, advocación segura de calquera remedio, aínda que se celebre na cripta da mina San José.

Non só moveu montañas a fe, moveu corazóns en todo o mundo para que o sentir, o respirar dos millóns de espectadores que fixeron seu cada rescate insuflase ánimo e valor e fe e esperanza e todas as Virtudes Cardinales...

Loito negro, negro como o pozo que os retiña, pranto oculto sen voz de angustia, a emoción non daba para máis, a dor rouba os sentimentos porque a dor é impotencia. Veas, só veas para ver algunha luz, algunha chama, algo claro que entreteña a dor e non doia a morte.

Imaxínome unha liña recta ao horizonte, pero ao centro da terra, alí onde Dante colocou o inferno vermello de cardeais, púrpura de bispos, con papanatas sen moscas pero preñados de vicios, costa, hai que soñala, é como unha voz no deserto, pérdese, só contesta o baleiro, nada…, a nada. Estes 700 metros non conducían ao inferno, por sorte -que inxusto sería o Creador-, senón ao útero da terra, ao limbo, alí estaban 33 embrións que de pecadores sólo tiñan o ter que traballar.

¡Que lección maxistral deunos a Humanidade a cada un dos millóns de espectadores que habemos ir empurrando, con respiración axitada como nun parto, o rescate de cada mineiro! E é que, ás grandes dificultades, pónselles coto cando se pon a andar a máquina do esforzo compartido, do voluntariado implicado, non vos parece?

¡Chapuza, quítame alá esa palla….!, saltamos rápido para marcar terreo. ¡Que terreo! Mequetrefes os minifundistas parcelarios do seu propio embigo!. Non vos dais conta de que o home, cada home é un mundo e ten os seus amores, os seus soños, as súas vivencias, pero sobre todo ten aos homes de todos os mundos para levantalos nas vitorias. Non, señores, o home non é lobo para o home, o home triunfa, o home acerta, o home suma, o home é heroe. Dicídeme se non, millóns de persoas admirando, aplaudindo, chorando ao ver que o home é un ser de

capacidades, cousa que moitas veces esquecemos porque a anécdota, o descoido, non deixa ver o excepcional de cada ser humano. En voz de rumoreo, dicirche Chile que, entre os millóns de espectadores que sumaron as súas forzas para que o parto do val fose máis levadío, estaba toda A Mariña lucense, como gran de area, vivindo a boa

noticia da vida, do saber facer, do compartir, conseguido baixo a dirección dese pobo organizado.

Logro compartido é sinónimo de equipo e, ¡non hai mellor memoria histórica!.

* Ramón Hermida Pumares. De Academia A Mariña.