Bravos instalará unha pantalla xigante para seguir a Sabela na final de «OT»

L.REI OUROL / LA VOZ

A MariÑA

CEDIDA

Familiares, veciños e seguidores reuniranse mañá no local

18 dic 2018 . Actualizado ás 15:01 h.

En pouco máis de 24 horas, Sabela Ramil Rivera disputará a final de Operación Triunfo 2018, e numerosas cidades e vilas galegas estarán especialmente envorcadas con ela. Unha será As Pontes, onde creceu, e onde o auditorio municipal emitirá a gala final en directo. E outra delas será Bravos, a parroquia de Ourol de onde é orixinaria toda a súa familia e á que, segundo o previsto, a concursante, que ten 25 anos, regresará a próxima semana para gozar da Noiteboa e o Nadal en familia, segundo explicou días atrás a súa nai, Maricarmen Rivera, que indicou que no local social de Bravos instalarase mañá unha pantalla xigante para que familiares, veciños e seguidores poidan reunirse para seguir a última gala do talent show. Nela, Sabela cantará de novo en galego competindo con catro pesos pesados da actual edición de «OT»: Natalia, Famous, Julia e Alba Reche.

Moita expectación en Viveiro

A expectación tamén será moi grande en Viveiro, posto que Sabela ten estreitos lazos familiares e de amizades coa cidade do Landro, a cuxa Semana Santa é asidua, e onde toca na Banda de Tambores da confraría da Santa Cruz. Nos xardíns Noriega Varela leva colocada unha pancarta xigante de apoio varios días.

Ugia Pedreira anima a votar á concursante mariñá, que cantará unha canción de Marful

«Muller valente que ensina dentes e alma galega brava ata ou final!». Con esas palabras define a cantante e compositora focense Ugia Pedreira a Sabela Ramil, que apostará pola canción Tristras da banda Marful para a gran gala final de Operación Triunfo 2018. «Aínda que como banda xa non comparte escenario desde hai catro anos, Marful marcou a música galega das últimas décadas en múltiples aspectos, dos que as letras, os arranxos musicais e a posta en escena sen dúbida foron dos máis destacados. Aínda que tamén foron a primeira banda en ter un club de fans, por exemplo, ou en deixar estampados lemas como o que marca a letra desta canción: ‘‘se non che chega este mundo, faite astronauta’’», sinala nun comunicado enviado a través da Oficina galega doutros asuntos do movemento, da que tamén forma parte Marina Oural.

Agradecemento

«Ugia agradécelle a Sabela Ramil e a toda a equipa do programa Operación Triunfo que tivesen apostado por esta canción de autora, ligada á arte e ao territorio da Mariña e Ortegal», sinalan, antes de chamar a apoiar a Sabela mediante o voto na gala que se celebrará o mércores pola noite en A1.