Dous agasallos condenan en Negreira a un Ribadeo que nin disparou a porta

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

O Ribadeo encadea seis xornadas sen gañar

16 dic 2018 . Actualizado ás 21:10 h.

O acerto de Rial en dous descoidos do Ribadeo decantou para o Negreira un partido eslamiado e que parecía destinado a saldarse sen goles. O cadro mariñán afástase decisivamente do grupo de candidatos ao ascenso e remata a primeira volta ligueira cun refacho de seis partidos sen gañar, mostrándose ademais, de novo, incapaz, sen solucións. Tras a melloría mostrada ao Pepe Barreira no derbi mariñán da pasada semana ante o Foz, cando gozaron dun bo número de opcións de gol, esta vez nin sequera xutaron a porta nos 90 minutos. A súa bagaxe ofensiva reduciuse a un único saque de esquina.

Os pupilos de Rafa Casanova, ademais, volveron ser demasiado brandos en defensa e concederon, xa na segunda metade, dúas tantos a un equipo que tampouco foi capaz de xerar apenas perigo na área. Rial abriu a lata xa no minuto 54, resolvendo un man a man ante Hugo tras converter un despexe nun perfecto contragolpe polo mal repregamento dos futbolistas do Ribadeo.

A sentenza non chegou ata o desconto. E foi noutra acción evitable. Un balón centrado que parecía manso escapóuselle das mans a Hugo e o dianteiro local só tivo que empurrar a pelota á rede.

Rial, como o seu equipo, recentemente descendido de Terceira e agora sobrevivindo na zona medio-baixa, rendía bastante por baixo do agardado ata atopar un filón na visita do fráxil conxunto mariñán. O punta santiagués marcoulle dous goles ao Ribadeo, os mesmos que anotara nas 18 xornadas anteriores do campionato.

?

Negreira: José; Juan Diego, Miguel, Pereira, Rubén, Cea, José Caamaño, Richi (Santalo, min. 87), Rial (Nacho, min. 90), Anxo (Alberto, min. 74) e Vía.  

Ribadeo: Hugo; Pablo Rivas, Roi, Luki, Brais, Fernando, Poratti (Javicho, min. 54), Isma, Juanma (Dani Prieto, min. 73), Aitor (Mario, min. 78) e Vizoso. 

Goles: 1-0, min. 58: Rial. 2-0, min. 89: Rial. 

Árbitro: Ortega Orge (Ferrol). O visitante Fernando foi o único xogador que viu unha cartolina amarela durante o partido. 

Incidencias: Municipal Jesús García Calvo.