O Súper-Folgueiro, 43 goles, 3,3 tantos por partido

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

O conxunto do Vicedo sitúase como líder en solitario e claro candidato ao ascenso

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando se afronta o tramo final da primeira volta de Segunda Galicia, o Folgueiro presentou definitivamente a súa candidatura como claro candidato ao ascenso de categoría. O Folgueiro non fallou no seu partido contra o Candelaria (4-0), o que unido á derrota do Roupar fronte ao Xermade (0-1), segundo e terceiro clasificado, deixou ao equipo do Vicedo como líder en solitario, con 32 puntos (dous sobre o Roupar, segundo), froito de dez partidos gañados, dous empatados e só un perdido (na primeira xornada), tras 13 xornadas disputadas.

O Folgueiro presenta unha espectacular bagaxe goleadora, con 43 tantos, o que supón unha media de máis de tres goles por partido. Só se lle aproximan, de lonxe, o Guitiriz, con 32 goles, e o Roupar, con 30. Precisamente o vindeiro domingo o Folgueiro visitará o campo do Guitiriz.

O resto de equipos

A xornada, para o resto de equipos da Mariña, tivo sabor agridoce.

O Iberia logrou un importante triunfo na súa visita ao campo do Goiriz (0-3), o que lle permite saír dos postos de descenso directo; mentres o Mondoñedo Cidade non puido pasar do empate no campo do Cospeito, último clasificado (1-1). O Val de Ouro perdeu no seu desprazamento ao campo do Cabreiros (2-0) e entra nunha perigosa dinámica tras lograr só dous puntos nos últimos cinco partidos. No derbi comarcal, as E.D. de Lourenzá levaron os tres puntos na súa visita á SD Cervo-Sargadelos (1-3). Os laurentinos volveron á senda do triunfo e permítense mirar á parte alta da táboa á conta dun Cervo-Sargadelos que segue penúltimo e que non logrou consumar a remontada que iniciara coas súas dúas últimas vitorias consecutivas.

Próxima xornada

A próxima xornada terá os seguintes enfrontamentos con conxuntos mariñáns en liza: S.D. Cervo-Sargadelos - Meira; Iberia-Abadín; Candelaria-Goiriz; Guitiriz-Folgueiro; Mondoñedo Cidade-Roupar; Val de Ouro-Cospeito; E.D. Lourenzá-Cabreiros.