O Arzúa vence ao Ribadeo con sete minutos de inspiración

V.M.P.

A MariÑA

PEPA LOSADA

Fernando premiou a superioridade na primeira parte do equipo mariñán, máis espeso e vulnerable no segundo período

18 novs 2018 . Actualizado ás 21:10 h.

O Ribadeo sufriu unha dolorosa derrota ante o Arzúa nun dos duelos de fanfurriñeiros que deparou a décimo cuarta xornada do grupo norte de Preferente. Sete minutos de inspiración abondaron aos forasteiros para asaltar un fortín ata agora inexpugnable e facerse con tres puntos de ouro na carreira por acomodarse nos postos altos da clasificación.

O Ribadeo foi mellor na primeira metade e tomou a dianteira no marcador pouco despois do cuarto de hora cun gol de Fernando, que rematou de cabeza un saque de esquina. O lateral destro do cadro local cobraría máis protagonismo na segunda parte do partido cometendo o penalti que transformou Adrián Iglesias . Pouco antes, Juanjo devolvera as táboas rematando a pracer un rexeite de Hugo.

Co Arzúa por diante no resultado e vendo que o seu equipo non era capaz de atopar fisuras no férreo armazón defensivo do rival, Rafa Casanova renovou o esquema e pasou a xogar con só tres defensas. O seu equipo gañou presenza ofensiva, pero a falta de precisión no último pase impedíalle pór en aprietos a Tasende.

A mellor ocasión do Ribadeo na segunda parte tívoa Adrián Barreira. A súa vaselina perdeuse por amais do traveseiro da portería visitante.

Ribadeo: ?Hugo, Fernando, Pablo Rivas (Vizoso, min 78), Mario, Samu (Dani Prieto, min 85), Brais, Roi (Isma, min 65), Santi, Aitor (Adrián Barreira, min 65), Luki e Mauro Poratti (Criss, min 69)

Arzúa: Tasende, Juanjo, Carril, Rúa, García, Iker Furtado (Álvaro, min 93), Manu Casal (Damián, min 62), Diego Enjamio, Adrián Iglesias (Rober, min 91), David Enjamio e Suso

Goles: 1-0, min 17: Fernando. 1-1, min 51: Juanjo. 1-2, min 58: Adrián Iglesias , de penalti.

Árbitro: Edgar Soto Eiroa, do colexio da Coruña. Mostrou a cartolina amarela aos xogadores do equipo local Criss, Fernando, Brais e o gardameta Hugo.