Carla Trillo tamén triunfa na Carreira Popular Ao Son do Masma

La Voz BARREIROS / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

A burelense, gañadora do Tour Mariña, foi a campioa feminina en Celeiro de Mariñaos nunha proba con máis de 150 participantes

18 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A burelense Carla Trillo Fernández, do Verxel Nutrición Deportiva, fíxose co título feminino na terceira edición da Carreira Popular Ao Son do Masma, celebrada en Celeiro de Mariñaos (Barreiros) baixo a organización do Colectivo Cultural Ollomao e que abriron as categorías menores. Sobre un circuíto de 5.600 metros con principio e final na vella escola da parroquia barreirense, a campioa do Tour Mariña marcou un tempo de 22 minutos e 53 segundos e acadou a meta cunha importante vantaxe de case dous minutos sobre a segunda clasificada, que foi Romina Reimondo Gasalla, do Praias de Barreiros CD. O podio feminino completaríao a atleta xuvenil do Madeiras Barcia-Lourenzá Ana Vallines.

Dos máis de 150 participantes inscritos na proba, case a metade tomaron parte na carreira absoluta, dominada con autoridade por Jonathan Fernández Ríos, do Pasa ou Entorna (Narón). Cun tempo de 00:18:37, o gañador superou en algo máis dun minuto a Manuel Eiras, do Ría de Foz, e a Juan Luis Méndez Paz, do CA Lourenzá.