Dúas obras sen coordinar colapsaron a entrada e saída de Viveiro por Lodeiro

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

Rozas en taludes da LU-862 e o pintado da LU-102 desencadearon o caos

16 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Durante practicamente toda a mañá e ata pasadas as cinco da tarde deste xoves, centos de automobilistas quedaron atrapados por retencións na entrada e saída de Viveiro pola estrada de Lodeiro. Caravanas e longas colas colapsaron a circulación en diferentes momentos. Dúas obras ao mesmo tempo nas dúas estradas de acceso desencadearon un caos de tráfico. O Concello fora informado dunha, a roza de taludes na LU-862, a principal; pero asegura que descoñecía a outra, o pintado de sinais na LU-102, que sería a alternativa.

Desde primeira hora da mañá ata aproximadamente as cinco da tarde, unha empresa contratada pola Xunta rozou maleza nos taludes da LU-862, a estrada que discorre entre Lodeiro e Celeiro. Polo tipo de traballo e pola maquinaria, cortou un dos carrís dese viario. Paralelamente, na LU-102, outra empresa tamén contratada pola Xunta marcaba os sinais horizontais na estrada do Pirixel.

En ambos os casos, semáforos regulaban a circulación, pero con só un carril na LU-862 e coa LU-102 restrinxida, as retencións multiplicáronse. Afectaron tanto ao tráfico interior como ao de tránsito, xa que a LU-862 é lugar de paso obrigado para os vehículos lixeiros e pesados que atravesan Viveiro.

Esta mañá aínda seguen os traballos nunha estrada, pero é posible circular pola outra

O Concello de Viveiro non tivo opción a adoptar medidas para evitar o caos de tráfico deste xoves porque descoñecía a coincidencia das obras na LU-862 e na LU-102. «Non se nos informou da do Pirixel e quedámonos sen alternativa», lamentaba o concelleiro Jesús Fernández Cal. «Desde o Concello pedimos desculpas a todos os que padeceron o bloqueo dos accesos, pero non se nos informou do pintado no Pirixel, aínda que se contabamos coa limpeza de parcelas de dominio público» nos taludes da LU-862.

O edil Fernández Cal comunica aos usuarios que a roza na marxe dereita da LU-862 continúa na mañá deste venres, de 9 a 13 horas. Xa que logo, volverá quedar cortado parte doutro carril e o paso regularase con semáforos. Como opción, este venres si que poderá circularse pola LU-102, a estrada do Pirixel, de Celeiro á avenida de Galicia.