O preito do bispo pola mercancía revela que a Honra naufragou en Xove en 1544

s. serantes VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

XAIME F. RAMALLAL

O ciclo de arqueoloxía mariña de Viveiro desvela misterios do pecio que achou unha draga

12 novs 2018 . Actualizado ás 17:02 h.

Como outras investigacións arqueolóxicas, a do pecio de Xove sería un bo guion de película. Todo comezou en torno ao 2007, cando unha draga se desviou de onde preparaba o tendido do emisario submarino dun criadeiro de rodaballo. Máis tarde sóubose que extraera restos de vaixelas, de armas e do casco dun barco. Contratado pola Xunta, un equipo de Argos Arqueoloxía fixo unha prospección no 2008. Cos vestixios como indicios, iniciou un rastreo por arquivos e, apoiado por especialistas multidisciplinares, conseguiu desvelar parte dos misterios. O preito do bispo de Mondoñedo pola carga que quedaron veciños de Viveiro, Celeiro e Portocelo fixo posible reconstruír parcialmente a historia. Chamábase Honra, era un buque comercial que se afundiu o 24 de setembro de 1544 no medio dunha galerna, cando transportaba luxosas teas e armamento, probablemente desde Anveres, talvez cara a Viveiro ou cara á Coruña.

David Fernández Abella, xerente de Argos, detallou na charla de clausura das II Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima de Viveiro como foron encaixando as pezas dun quebracabezas histórico que aflorou no 2005. Durante unha prospección previa á instalación dun emisario submarino do criadeiro de rodaballo de Morás, atoparon un cuenco dos séculos XV ou XVI que se considerou illado. Por unha arqueóloga souberon a finais do 2007 que a draga que traballou na instalación do emisario extraera na enseada da Coba pratos, fontes, pezas de artillería e madeira dun posible naufraxio medieval.

Comunicaron o achado á Xunta, que encargou a Argos unha prospección. Acompañados dun traballador da draga, dous arqueólogos mergulláronse en marzo do 2008. Localizaron máis vestixios e, cun detector de metais, fixeron un esbozo do pecio. Ao acabar a inmersión decatáronse de que no porto de Morás habían abandona un saco con máis material extraído pola draga. Supuñan que correspondía a un naufraxio do século XVI.

«Unha nave de Flandes»

A partir de aí empezaron a rastrexar arquivo para documentar o naufraxio. No arquivo diocesano de Mondoñedo, «a chave do cofre do tesouro» deulla o falecido Enrique Cal Pardo, cuxa figura enxalzou onte na súa Viveiro natal o arqueólogo subacuático Fernández Abella. Nun libro escrito en 1546, López Frías mencionaba un preito do bispo mindoniense Antonio de Guevara polas sedas, panos e tapices e outras mercancías dunha «nave de Flandes que deu ao través en terras da súa señoría». No arquivo de Valladolid localizaron o preito orixinal, 1.192 páxinas.

Con cooperación de investigadores de varios países, polas marcas da vaixela, as pezas de artillería e os restos de ballestas concluíron que o pecio cuberto por area en Xove é dun barco de entre 20-22 metros de eslora que transportaba produtos téxtiles de calidade (rasos, tapices...) e manufacturas metálicas (armas, ballestas de caza, alfinetes de tocador femininos...). Segundo as crónicas históricas, parte quedáronllos veciños de Portocelo, Celeiro e Viveiro. O bispo Guevara consideraba que a mercancía pertencía á Igrexa. El faleceu un ano despois do naufraxio, en 1545, e o preito resolveuse en 1559. A procedencia exacta e o destino da Honra aínda están por concretar.

Xa preparan o terceiro congreso sobre patrimonio subacuático

Onte cando rematou no salón de usos múltiples do Concello o congreso de arqueoloxía marítima que organiza o Concello de Viveiro e a Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas). Jesús Fernández, concelleiro de Mar de Viveiro; e Antón López, de Fedas e coordinador do simposio; alternáronse na presentación das nove relatorios e nos posteriores coloquios co público. Facéndose eco das impresións que lles transmitiron os relatores e os asistentes, ambos coinciden en que o foro se consolidou. De feito xa contan con relatores para a terceira edición. Ademais de Abella, onte Covadonga López falou do Museo Massó de Bueu e Susana Ricart das escavacións de Candoval, en Mugardos.