O Resu retira do cartel á banda As I Lay Dying

A MariÑA

PEPA LOSADA

O Concello de Viveiro apoia a decisión da organización de prescindir do grupo cuxo líder ten unha condena por violencia machista

21 oct 2018 . Actualizado ás 14:13 h.

A organización do Resurrection Fest decidiu finalmente retirar do cartel da próxima edición do festival o concerto da banda As I Lay Dying. «Ante o debate e a división xurdida entre os asistentes, e co fin de manter o ambiente reinante de concordia entre toda a comunidade do festival, finalmente tomamos a decisión tras falar coa banda», explicaban nun comunicado difundido pola organización nas últimas horas. Explican que a decisión inicial de ter incluído á banda na edición, «do mesmo xeito que farán moitos outros dos principais festivais europeos, é que creemos na reinserción social e no dereito ás persoas a rehabilitarse tras ter cumprido unha condena». Desde a organización insisten en que a súa postura, desde sempre, foi a de condenar a violencia de xénero: «Somos conscientes de que é unha secuela na sociedade co que hai que ter unha sensibilidade especial e, do mesmo xeito que outras formas de intolerancia ou opresión, non teñen cabida dentro do noso festival nin dentro da escena da que somos parte». Confían que «todo o mundo entenda esta situación» e reiteran que o Resu é un evento «para todo tipo de públicos sen importar idade ou grupo social e iso obríganos a tomar decisións ás veces difíciles». A decisión da organización do festival de Viveiro non se fixo agardar e desde o Concello, a rexedora María Loureiro manifestou hoxe que apoia a decisión da organización do festival de retirar do cartel «a unha banda de música na que o seu líder conta cunha condena por violencia machista». Destacou que «estamos totalmente de acordo coa retirada desta banda. En Viveiro non hai cabida para a violencia machista. Dende o Concello, concretamente dende a Concellería da muller, e como xa lle transmitimos á propia organización, apoiamos totalmente a súa decisión de prescindir de calquera grupo ou banda que conte con condenas por violencia contra as mulleres. Non podemos darlle cobertura (..). Dende o primeiro momento, puxémonos en contacto coa organización do Resurrection Fest para transmitirlle o noso desacordo coa contratación desta banda. Fixémolo porque somos un Concello que defende a igualdade e os dereitos das mulleres e dende o que rexeitamos calquera tipo de violencia».