Tais Alves xa poderá debutar coas burelistas na pista do Móstoles

La Voz BURELA / LA VOZ

A MariÑA

Jenny, que volveu a ser citada pola selección lusa, cre que a brasileira «nos vai a axudar moito»

12 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O equipo feminino do Peixes Rubén-Burela FS desprazarase na terceira xornada de Primeira á pista do Móstoles FSF (mañá, 18.30 horas, Villafontana) con máis garra que efectivos para pelexar por encadear a súa terceira vitoria e conservar o liderado. Á ausencia de Bea Mateos, unirase Cami, lesionada ao comezo do partido fronte a Zaragoza a semana pasada, mentres que Peque será dúbida de última hora. «A pesar das baixas, estamos a traballar moi ben, tendo en conta as circunstancias, para conseguir os tres puntos», advirte a burelista Jenny. Como nota positiva, Julio Delgado e Lucas poderán contar coa última incorporación, a á brasileira Tais Alves. «Será unha gran axuda, está a adestrar ben, aínda necesita un tempo de adaptación pero vainos axudar moito», cre a internacional portuguesa, que volveu a ser convocada pola selección do seu país para unha concentración do 21 ao 25 de outubro na que se medirá con Eslovenia.

A escuadra mariñá medirase cun rival que tivo un excelente arranque de liga, con goleada fronte a Guadalcacín gaditano (9-2) e un meritorio empate co actual campión, o Jimbee Roldán. «Agardamos un Móstoles moi organizado, coa veterana Patri Chamorro como a gran referencia en marcar a súa orde. Sabemos que imos ter dificultades, pero estamos a traballar nunha boa defensa e puíndo contraataques para regresar a casa coa vitoria», explicaba a internacional portuguesa.

«O equipo está ben»

Precisamente, os seus compromisos co combinado luso, non lle permitiron a Jenny compartir o traballo de inicio coas súas compañeiras en Burela, no seu segundo ano coa elástica laranxa. «A pretemporada é moi importante, pero a convocatoria da selección é irrechazable», dicía entre risos a á, confesando que están a suplir ausencia de case un mes con traballo e dedicación: «O equipo está ben e eu tamén; no Peixes Rubén recuperei a miña esencia como xogadora, como era en Portugal antes de marcharme a Italia, as miñas cualidades, sobre todo tácticamente», sentenza.