Francisco Hermida presidirá a asociación de veciños do casco antigo de Viveiro

L.R. VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

O colectivo elixiu onte en asemblea á súa primeira directiva

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O arquitecto e profesor de ensino secundario Francisco Hermida Trastoy preside desde onte pola noite a Asociación de Veciños do Casco Antigo de Viveiro. Ao redor de medio centenar de residentes no centro da cidade participaron como socios na asemblea na que se elixiu á primeira directiva do colectivo recentemente creado, que aspira a contribuír a solucionar as distintas problemáticas que afectan a quen residen habitualmente nesta parte do municipio. É o caso das molestias que xeran as gaivotas, o ruído nocturno na rúa ou en locais de hostalería, a presenza de animais, o estado de abandono que presentan decenas de inmobles ou a futura ordenanza de tráfico, que regulará os accesos rodados ao centro histórico.

Xunto a Hermida formarán parte da directiva: Samuel Fernández, como vicepresidente; Paula Naval, como tesoureira; Socorro Giz, como secretaria; e Heriberto Cruz e Concepción Berdeal como vogais. A reunión de onte tivo lugar na sala multiusos da Casa do Concello, e nela, ademais de elixir á directiva, abordáronse aspectos relacionados coa acta fundacional e os estatutos.