Alfoz, Foz e Mondoñedo recibiron 45 solicitudes de axudas á natalidade nos últimos meses

lida fernández / m.c. VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

O Concello focense recibiu trece peticións desde que en abril abriu o prazo para solicitar axudas

22 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A pirámide demográfica do noso país é indubidablemente preocupante. Ao incesante envellecemento da poboación súmaselle un descenso significativo da natalidade. Ningunha comunidade e tampouco ningún municipio, grande ou pequeno, líbrase deste problema que converte á nosa sociedade nunha das máis envellecidas de Europa.

A Mariña non é allea a esta situación e para intentar mitigar o seu impacto algúns municipios da comarca tomaron diferentes medidas. Mondoñedo (con 3.722 habitantes, segundo o INE) foi un dos primeiros concellos en pór en marcha unha serie de axudas económicas para fomentar a natalidade. Este é o segundo ano que oferta subvencións. En 2017 recibiron once solicitudes, mentres que no que vai de ano xa rexistraron sete. Pola súa banda, Alfoz, (con 1.782 habitantes) é outro dos municipios que decidiu sumarse a esta iniciativa para incentivar o asentamento da poboación na contorna rural. Desde o pasado mes de marzo rexistraron un total de 25 solicitudes. As axudas ofertadas desde o Concello alfocés só esixen o requisito de empadroamento.

O terceiro concello en poboación da comarca, Foz (con 9.931 habitantes), tampouco quixo quedar atrás e en abril abriu o prazo para que os censados puidesen pedir axudas. Ata o momento recibiron trece solicitudes. O Valadouro (con 2.002 habitantes) tamén ofrece este tipo de apoios ás familias. Onte non foi posible coñecer os datos que manexa o Concello.