A Mariña segue de enchente en enchente

l.r. VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

Viveiro repartiu nas Nogueiras 700 quilos de sardiña, e Xove 4.000 racións

18 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que o venres amenceu cuberto e mesmo caeron algunhas gotas, finalmente o tempo concedeu unha tregua e A Mariña puido seguir de enchente en enchente no tramo máis festivo dun verán xa de seu cargado de festas. Onte foi a quenda da mítica sardiñada das Nogueiras, que cada mes de agosto despide en Viveiro as patronais de San Roque. Facendo fronte aos atascos, que estes días son continuos na comarca, centos de veciños e visitantes achegáronse ata o campo para degustar este saboroso peixe azul asado. E de novo a cita chamou a atención de cantidade de veraneantes, que alucinan coas citas gastronómicas que se organizan en Galicia e polas que os asistentes non pagan nada. A organización repartiu viño, e de noite, a agrupación Tempus Fugit tocou na Praza Maior, onde presentou o espectáculo Chover na Habana.

As sardiñas tamén foron as protagonistas nas festas de San Bartolo de Xove, onde o Concello tiña previsto superar os 1.300 quilos servidos nunhas 4.000 racións. Un total de 35 persoas encargáronse de preparar esta cea campestre durante toda a tarde. A diferenza de Viveiro, quen acudiron á sardiñada de Xove tiveron que pagar dous euros. Iso si, a cambio recibiron un bo prato de sardiñas, con patacas cocidas, pan e bebida. Un luxo a pé de casa.