Hoxe, maxia da Queimada de Cervo

s. g. / l.r. CERVO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

40 veciños na loita do ben contra o mal e despois, augardente purificador

18 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«A intención é volver ás nosas tradicións», di Rafa Blas, o presidente da asociación Airiños do Xunco. A Queimada Popular de Cervo, organizada por eles, cumpre hoxe catro décadas. A colaboración de todos os veciños de Cervo e do Concello de Cervo fai posible que se some un ano máis desta celebración. O traballo incansable das directoras desta edición, Sabela Blanco , Carla Díaz, Chus González e Raquel Blas vese materializado nas numerosas actividades de hoxe.

Pola noite, ás 23.00 horas sairá a comitiva da Queimada Popular das Escolas Vellas á Praza do Souto. Alí terá lugar o momento máis máxico do sábado cervense, a representación que cada ano saca o lado máis artístico dos veciños que participan. Son case 40 persoas, desde nenos de 5 anos a maiores. Unha vez máis, o teatro estará cheo de sorpresas. Como apunta Sabela Blanco , unha das directoras, «volverá haber algunha pequena sorpresa e incluiremos unha personaxe nova». A música que ambientará o acto estará tocada en directo con instrumentos tradicionais como o acordeón, o wistle, a frauta doce, o baixo e a caixa. Marcos, integrante da banda viguesa Mileth, unirase tamén aos músicos tocando a zanfoña. A voz do Bruxo soará con forza mentres pronuncia o esconxuro da Queimada, co que intentará escorrentar a todas as alimañas e malos espíritos do pobo. Repartiranse case dous miles litros de queimada. Despois soará a música de tres grupos galegos. Serán Sonoro Maxín, Banda Crebinsky e Festicultores Troupe. O cartel da Queimada deste ano deseñouno Vizoso e o do mercado Andrea Campillo, natural de Cervo, e que leva máis de tres anos facéndoo.

Ás once da noite comeza a representación na Praza do Souto