Corenta quilos da cocaína que flota polo Cantábrico acaban en Burela e Xove

La Voz

A MariÑA

M. MARRAS

Máis de 180 quilos apareceron en oito días nuns 200 quilómetros do litoral de Asturias e Galicia

18 ago 2018 . Actualizado ás 09:26 h.

Aínda non se sabe se son parte dunha alixo que estaba fondeado e soltouse, se os guindou algunha embarcación ao sentirse vixiada ou se caeron a algún buque. Sexa cal sexa a orixe, o certo é que hai fardos de cocaína flotando polo mar Cantábrico, entre Asturias e Galicia. Onte apareceron en dúas praias da Mariña lucense dous vultos similares aos sete achados en augas asturianas en días anteriores. Desde o día 10 ata onte, máis de 180 quilos desa droga foron recuperados nunha franxa duns 200 quilómetros de costa, entre Xove (Lugo) e Villaviciosa (Asturias).

Todos os fardos son similares, coinciden quen os viron e compáranos coa imaxe difundida pola Garda Civil do primeiro que se atopou, fronte á costa de Navia, ao lado da Mariña. Polo exterior, sacos de arpillera de cor clara pero sucios, cun símbolo nun lateral. E no interior, uns vinte paquetes cubertos con filme transparente e goma de cor negra, dun quilo de peso, aproximadamente.

Roldaban as once da mañá de onte cando persoal de limpeza do Concello de Xove atopouse na praia de Portocelo algo que lles pareceu un saco. Flotaba na auga, collérono e ao empezar a abrilo decatáronse de que podería ser un dos fardos de cocaína dos que se falou nos últimos días. Avisaron á Garda Civil, que acudiu ao areal e, tras analizalo, fíxose cargo do vulto e trasladouno a un cuartel, onde está en custodia.

Dúas horas despois, socorristas viron un vulto flotando na Marosa, en Burela. O mar guindouno á area, xusto no medio da praia. Como na Mariña tamén é noticia a cocaína que flota polo Cantábrico, déronse conta de que podería conter droga. Chamaron á Garda Civil, que abriu o fardo e, ao comprobar o seu contido, levoullo para o cuartel.

A Garda Civil estendeu á Mariña o operativo que aplica en Asturias: patrulla polo litoral e pide cooperación por se aparecen máis fardos de cocaína. Cuns vinte quilos de peso cada un, os primeiros tres pescounos» un bonitero na contorna da costa de Navia, outro o atopou un helicóptero no mar, e antonte, segundo axénciaa Efe, localizáronse tres máis, en Cabo Penas (Gozón), en Cabo San Lorenzo (Xixón) e en Villaviciosa.