O viveirense Daniel Caxete, finalista á mellor Fotografía Astronómica do Ano

andrea arruñada / s. c. VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

DANI CAXETE

Captou á Estación Espacial Internacional xusto cando pasa fronte ao Sol; «isto anímame a seguir», di

25 jul 2018 . Actualizado ás 20:21 h.

O viveirense, Daniel Caxete, leva sete anos na final dos premios á mellor fotografía astronómica do ano outorgado polo Real Observatorio de Greenwich. Daniel Caxete é un fotógrafo astronómico cunha carreira envexable para moitos. Compaxina a súa paixón con este tipo de fotografía co traballo dedicado á pintura e ao deseño. Todo o que aprendeu da fotografía dixital foi de xeito autodidacta e o seu labor leva anos sendo recoñecida entre as esferas máis altas do sector, con Viveiro

como unha das súas fontes de inspiración. É un dos 24 finalistas ao premio á Mellor Fotografía Astronómica do ano, do Real Observatorio de Greenwich; pero este, non é, nin de lonxe, o seu único logro.

A foto que lle levou á final titúlase Manchas Solares ISS, que representa? «O tránsito solar que ten a Estación Espacial Internacional xusto cando pasa fronte ao Sol. Aprécianse unhas enormes manchas no Sol, alá por agosto de 2017», explica.

«Tiven moita sorte ao facela, unha boa coincidencia, porque a Estación tarda en pasar medio segundo. Pillei datos dunha web para saber que pasos dar: ir ao lugar adecuado, pór o reloxo en hora (ata o último segundo conta), a cámara, etcétera. Para facerse unha idea, móvese a 7 quilómetros por segundo. Compároo con facer unha instantánea do Estadio de Riazor desde Madrid», afirma.

Non é a primeira vez que o Real Observatorio de Greenwich recoñece o seu traballo. «Xa teño tres ou catro premios, tanto na categoría lunar como solar. Ademais levo sete anos na final e a ver o que pasa nesta edición. Logo, chegan as exposicións das obras. Este ano, polo seu aniversario, van realizar unha recompilación», explica.

Incluso a NASA premiou as súas fotografías.»Si, que a NASA recoñeza o meu traballo é incrible, éncheme de orgullo e satisfacción como diría aquel. A miña foto, `Lúa cincenta en conxunción con Venus' elixírona como a Fotografía Astronómica do Día. Tamén `Cuádruplo Halo Lunar´apareceu no calendario 2014 da NASA. Expuxen en coñecidos museos británicos».