«A partir de 20.000 quilómetros, sin duda compensa o diésel»

ANDREA ARRUÑADA / J.A. RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

ANDREA ARRUÑADA

Os distribuidores de Citroën na Mariña e o Occidente astur levan vendidos en xullo 14 vehículos de gasóil e 12 de gasolina

22 jul 2018 . Actualizado ás 09:43 h.

«Levamos tempo notándoo, pero o aumento de vendas de vehículos de gasolina en xullo na zona, tras o anuncio do imposto, foi espectacular», explica José Luis Suárez, xefe de post venda de Citroën en Carastur, en Serantes (Tapia). Aínda que ten moi claro que o futuro vai pasar polos vehículos híbridos, eléctricos e de gas, explica que o diésel novo, máis limpo, ten un longo percorrido por diante.

A experiencia e o asesoramento ao cliente é fundamental. «Para alguén que fai menos de 10.000 quilómetros ao ano recomendamos gasolina sen dubidalo. Ata 14.000 quilómetros tamén o aconsellamos, pero a partir de aí, ata 20.000 quilómetros, depende doutros factores, por exemplo a potencia do motor ou se vas usar máis o coche en cidade. O que está claro é que a partir de 20.000 quilómetros non hai dúbida de que compensa máis o diésel», explica.

Do mesmo xeito que outros concesionarios da Mariña e do Occidente asturiano, o aumento da demanda halles collido «co pé cambiado» porque contaban con moitos máis vehículos dispoñibles de gasoil que de gasolina. «Agora, para un vehículo de gasolina, igual tes que agardar entre 3 ó 4 meses, porque nas fábricas non se contaba con este cambio, sobre todo, na primeira quincena de xullo» apunta José Luis Suárez.

Desde Carastur, tamén animan aos clientes a non deixarse levar polos prexuízos e os rumores e informarse ben antes de decantarse por unha ou outra opción. «Debemos pararnos a mirar as nosas necesidades e como conducimos. Hai clientes que levaban anos acostumados ao diésel e agora conducir un coche de gasolina cústalles un pouco máis. Nós sempre temos en conta este tipo de cousas» engaden desde Carastur.

Están de acordo en que o que máis preocupa a galegos e asturianos é o peto, pero tamén os novos controis de emisións que veñen realizando desde maio na ITV aos vehículos matriculados desde o ano 2011 e que, a partir de setembro, poderán ser rexeitados. «Pregúntannos moito por isto, pero non hai nada que temer se os coches están coidados, en condicións», conclúe.