O grupo Porto de Celeiro segue á alza e xa factura 118 millóns, un 11 % máis

s. serantes VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

CEDIDA

Flota e lonxa son o motor dunha empresa de armadores de Viveiro na que gañan peso as de comercialización e servizos

01 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«A velocidade de cruceiro, cunha situación financieira estabilizada», navega o grupo de empresas Porto de Celeiro. Eduardo Míguez, director adxunto, tamén explica que a flota e a lonxa son o motor dunha sociedade de armadores de Viveiro na que gañan peso as outras once empresas coas que diversifica actividades para mellorar a competitividade da flota. Pechou o 2017 cunha facturación de 118 millóns de euros, un 11 % máis que os 106 do exercicio anterior. «Máis facturación, máis beneficios, máis ‘cash-flow' (liquidez) e menos débeda» resumo o balance que onte presentou a dirección que encabeza Sergio Blas á xunta de accionistas que preside José Novo.

«Porto de Celeiro é moito máis que unha lonxa, é un grupo de doce empresas que nos últimos anos avanza firme despois de superar períodos complicados», recalca Eduardo Míguez. Acabou o 2017 con 3,6 millóns de liquidez e un beneficio neto de 0,29 millóns. Entre a flota e as empresas das que é accionista maioritario xera 630 empregos directos e 1.800 inducidos.

Porto de Celeiro, a sociedade matriz, facturou o ano pasado 68 millóns de euros, dos cales 56 corresponden aos 16,77 millóns de quilos de produtos pesqueiros frescos que poxou.

Os outros 50 millóns de euros do grupo móvenos as outras firmas: Novomar (comercializa produtos pesqueiros), Seagood (distribúe elaborados e conxelados), Seagoods Dry Sexa Company (procesa escualos para exportar), Porto de Celeiro Madrid (almacenista en MercaMadrid), Serfrio (monta sistemas de frío), Serpot (avitualla á flota de produtos libres de impostos), Serval (fornece efectos navais e industriais), Servicel (instala e mantén equipos electrónicos de comunicación, navegación e detección), Serlabor (carga e descarga pesqueiros), Tepsa (fabrica caixas de peixe) e Guia (concesionaria do chafariz de combustible).

Merluceros por excelencia

Os datos indican por que en Porto de Celeiro son e séntense merluceros por excelencia. A pescada do petisco que captura nos caladoiros de Gran Sol representou o ano pasado o 89 % do diñeiro e o 71 % dos produtos distribuídos na lonxa. Case doce millóns de quilos e preto de 50 millóns de euros xustifican o mimo co que tratan ao seu produto estrela, o mesmo que este ano lles permitiu gañar un dos Premios Alimentos de España, o da Produción da Pesca e a Acuicultura.

Ao fortalecemento de Celeiro como unha das principais lonxas pesqueiras de Galicia, España e Europa tamén contribúen especies como o peixe sapo, que en Celeiro chaman «xuliana» (193 toneladas e 0,97 millóns de euros); o lirio ou bacaladilla (1.000 toneladas e 0,71 millóns); o estorniño ou xarda pintada (1.727 toneladas e 0,60 millóns); a caballa ou xarda común (407 toneladas e 0,47 millóns); ou a cabra de altura (140 toneladas por un valor de 0,38 millóns de euros.