Peque: «Non seguirei en Liga italiana e gustaríame volver ao Burela»

I.MEITIÍN BUJÁN BURELA / LA VOZ

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

Desvela que «xa houbo contactos» co club mariñán

23 may 2018 . Actualizado ás 11:56 h.

«O único que podo asegurar ao 100 % é que non vou seguir en Italia e que me gustaría volver ao Burela». Así de rotunda expresouse Peque a La Voz de Galicia ao ser preguntada polos rumores que a sitúan de novo no conxunto mariñán a próxima tempada. A xenial xogadora madrileña non só confirmou a súa marcha do campionato italiano -ten contrato en vigor co Cagliari ata o 30 de xuño- e mostrou as súas preferencias, senón que ademais desvelou que xa «houbo contactos» co club o que tan bos momentos viviu durante cinco tempadas. «De momento só foron conversacións, nada máis, non hai nada acordado nin nada pechado», aclarou.

Peque, exjugadora do Majadahonda e Rioxa, entre outros, abandonara as filas do Peixes Rubén-Burela ao termo da campaña 2015-2016 para probar sorte na máxima categoría italiana. Na súa primeira experiencia no país transalpino formou un dúo de ilusión coa tamén exburelista Vanessa Pereira no Sinnaí de Sardeña e na campaña actual defendeu as cores do Cagliari, co que disputou os cuartos de final polo título.

Se finalmente se concreta a súa volta a Vista Alegre, a «Messi española» sería a pedra angular dun novo proxecto para o que soan outras xogadoras de renome no panorama nacional e internacional.