Absolto o acusado de furtar gasóleo durante 3 anos a trens de Feve en Xove

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

O Xulgado do Penal número 2 de Lugo non ve probas acusatorias

22 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O xuíz do Penal número 2 de Lugo absolveu por falta de probas acusatorias a un veciño natural de Xove que fora acusado de furtar gasóleo durante 3 anos dos trens de Feve na estación de Xove.

Ao acusado J. G., imputábaselle «a subtracción de combustible das diversas locomotoras que Renfe tiña estacionadas en Xove, entre agosto de 2013 e marzo de 2016 e concretamente 1.000 litros de gasoil, valorados en 1.070 euros, o día 18 de agosto de 2013». O ministerio fiscal pedía «que se lle impuxese ao acusado do presunto furto 18 meses de prisión e indemnización a Renfe en 1.070 euros».

Nos Fundamentos de Dereito o xuíz ve no escrito acusatorio «que peca de excesiva inconcreción, pois non especifica datas, nin sequera de forma aproximativa, nin tampouco cantidades, nin valoracións, a pesar de que se está imputando un delito continuado de furto no que inflúe determinantemente o valor do subtraído».

Non hai denuncia de Feve

O acusado, que fora identificado por axentes nas proximidades da estación, nega os feitos que se lle imputan; indicou «que puido fornecer gasoil a outras persoas simplemente porque lle saía máis económico pero que, neses casos, facíao previo encargo sempre a empresas subministradoras, negando ter subtraído combustible algún en ningún momento». De feito, non consta que existise subtracción algunha de gasoil na estación de Feve en Xove; os representantes de Feve non poden aseguralo», como consta igualmente nos Fundamentos de Dereito. A denuncia non foi formulada por Renfe, sinó que está baseada nun informe policial.

Segundo a empresa a única incidencia de subtracción de gasoil aconteceu o 4 de agosto de 2015; existiu un aviso do vixiante da estación de viu a dous individuos no lugar e diversos axentes policiais que actúan e observan como os dous homes escapan polo monte con garrafas, «pero trátase en calquera caso dun delito leve de furto». Este incidente, no entanto, «non está reflectido no relato de feitos do escrito de acusación», segundo relata o xuíz.

O xuíz conclúe que «coas probas presentadas, dificilmente podemos chegar a unha conclusión condenatoria respecto dos feitos imputados, cal é a subtracción continuada de gasoil das locomotoras de Renfe en Xove, pois nin Renfe pode afirmar tales subtraccións nin se localizou ao acusado en ningunha actitude sospeitosa nas inmediacións das devanditas locomotoras nin con cantidades de gasoil significativas e nos únicos incidentes notables, non declararon e nin sequera foron traídos a xuízo as testemuñas adecuadas para intentar acreditar os feitos polo que no presente caso máis que con indicios, atopámonos con presuncións», sinálase no fallo.

Xa que logo o xuíz do Penal número 2 de Lugo falla que «debo absolver e absolvo ao acusado, J.G. da acusación formulada contra el por un delito continuado de furto».