O Peixes Rubén-Burela feminino devolve a labazada ao Leganés: 8-3

R.C. / I. MEITÍN BURELA / LA VOZ

A MariÑA

Pepa Losada

As burelistas vingaron de forma brillante a goleada sufrida na primeira volta

13 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Peixes Rubén-Burela retomou a liga con forza e unha vitoria letal na visita ao Vista Alegre dun Leganés que lle había vapuleado na primeira volta (6-1). Tras un gol meteórico nos compases iniciais e vantaxe de 3-1 ao descanso, as laranxas ampliaron a fenda no segundo acto, de novo cun inicio irresistible.

Entrou en tromba o conxunto da Mariña, con diana de Julia Forsiuk aos 19 segundos- Intentouno Cilene, de falta, pouco despois. O Leganés non se amedrentou e na súa primeira chegada á rede de Ana Romero o traveseiro evitou o empate. Tras dobre tentativa de Puche, coa meta laranxa e Tai como obstáculo, Sandra sacou un pé prodixioso para frear a Lara tan só un minuto despois. O Leganés conseguiu a igualada cun rexeite de Ampi ante Ana Romero no 9. Aínda celebraban as madrileñas o empate cando reapareceu a avalancha do Peixes Rubén, que en 33 segundos ampliou a vantaxe con Bea Mateos, moi atenta para cazar o lanzamento de Dany que pegou no pau, e Cilene. Volveu o partido á calma, seguindo o control local con axexo constante. Nos últimos compases do primeiro período, Tai estivo a piques de subir o cuarto.

As burelistas volveron á carga tras o descanso. De novo antes de cumprirse o primeiro minuto, o seu ataque letal a atopou recompensa, con Bea Mateos, e case sen tempo de reacción nas filas visitantes, a maxia da pichichi laranxa, Cilene, subiu o quinto. O Leganés respondeu con porteira-xogadora ante a asfixiante presión das mariñás. Jenny ampliou o festival de goles no 27, cun mísil desde fóra da área, con toque de Judith, no 31, ao segundo pau nunha gran combinación. No 34, repetición do guion. Á greta atopada por Lucía ante Jozi para o 7-2, respondeu Pescados Rubén sen contemplacións, co oitavo, nun man a man de Jenny fronte Sandra.

Burela: ?Ana Romero , Cilene, Jenny, Bea Mateos, Julia Forsiuk -quinteto inicial-, Dany, Tai Menezes, Lara, Sara Correia, Judith, Cris e Jozi

Leganés: Sandra, Patri Montilla, Laura Uña, Mali, Bea Torija -quinteto inicial-, Saki, Puche, Ampi e Lucía

 Goles: 1-0, min 1: Julia Forsiuk. 1-1, min 9: Ampi. 2-1, min 10: Bea Mateos. 3-1, min 10: Cilene. 4-1, min 21: Bea Mateos. 5-1, min 22: Cilene. 6-1, min 27: Jenny. 7-1, min 31: Judith. 7-2, min 34: Lucía. 8-2, min 34: Jenny. 8-3, min 36: Lucía.

Árbitros: Cueto Rodríguez e Vanegas Betancourt (Asturias). Amarela á visitante Patri Montilla.

Incidencias: Unhas 600 persoas no Vista Alegre. Nos prolegómenos rendeuse homenaxe ao equipo cadete, campión da Liga Galega.