Cami, única baixa burelista para o desquite ante o Leganés

La Voz

A MariÑA

PEPA LOSADA

As madrileñas golearon (6-1) ao equipo mariñán na primeira volta

12 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Un golpe sufrido nunha man durante os adestramentos previos privará á brasileira de Cami de participar no partido entre o Peixes Rubén-Burela e o Leganés (18.30 horas. Vista Alegre). Será, en principio, a única baixa local para un encontro que as burelistas deberán sacar adiante para non saír definitivamente da apertada pelexa polo título de Primeira División e, así mesmo, vingar o 6-1 encaixado no partido da primeira volta «O noso obxectivo non cambiou, seguimos mirando partido a partido intentando gañar xornada a xornada», declara Lara Balseiro, non sen recoñecer que a derrota en casa do Roldán «foi un pau» porque se trataba dun partido clave na reconquista do trofeo de campión.

O Leganés pouco ten que defender no coliseo laranxa. A súa permanencia na categoría xa é un feito e as opcións que quedan de clasificarse para a Copa de España son moi remotas. A pesar de todo, Lara presume un duelo «emocionante». «É un equipo que está a facer unha boa campaña. Na súa casa xa nos gañou (6-1), aínda que tamén é certo que nós non tivemos o noso mellor día. Agora temos un persoal máis forte que na primeira volta, aínda que non imos saír confiadas; temos que dar o cento por cento para conseguir os tres puntos», advertía a goleadora laranxa.