Viveiro capeará funerais e limpeza do cemiterio ata que haxa enterrador

Lucía Rey
lucía rei VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

O Concello ocúpase da apertura e peche do recinto de Altamira desde que faleceu o enterrador

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Ningunha persoa que faleza en Viveiro quedará sen un enterro respectuoso e digno por falta de enterrador. Así o aseguran fontes municipais, que destacan que, mentres a praza de enterrador municipal non sexa cuberta a través dun concurso público, o Concello seguirá asumindo tanto a inhumación dos cadáveres mediante o pagamento aos enterradores que teñen de man as dúas funerarias que hai en Viveiro, como a limpeza do cemiterio, da que se ocupa persoal do departamento de Obras, que de xeito regular acode ao camposanto para baleirar os colectores ou retirar as flores marchitas das coroas, os centros e os ramos que se colocan no chan, diante de nichos e tumbas cando hai un enterro. O Concello tamén se ocupa de que o recinto abra e peche nos horarios habituais. Nesa liña, o tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Servizos públicos, Jesús Fernández Cal, resaltou que a intención é repor o posto canto antes, pero o trámite está pendente da elaboración da RPT (relación de postos de traballo) municipal, que tamén inclúe outros postos que están sen cubrir.

Persoas que teñen nichos no cemiterio de Altamira reclamaron días atrás a reposición do enterrador, unha praza que está vacante desde que faleceu o anterior, Bernardo Fernández, a finais de maio do 2017.

«Unha persoa moi servicial»

«Moita xente bota de menos a Bernardo porque era unha persoa moi servicial, que igual se subía a unha escaleira para axudarche a colocar un ramo no nicho máis alto que che explicaba de quen era cada tumba que hai no cemiterio. Aprendeu do seu pai, coñecíao de punta a cabo, era como a súa casa, e iso é o que máis se bota en falta»», indicou unha persoa vinculada ao cemiterio.