Dous pasos elevados de peóns mellorarán a seguridade viaria na zona escolar viveirense

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

PEPA LOSADA

O Concello destina 97.000 euros a obras na avenida Martín Ledesma

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa está en marcha o proceso administrativo que concluirá coa adxudicación de obras que mellorarán a seguridade viaria na zona escolar de Viveiro. Con fondos da Deputación, o Concello destina 97.000 euros á avenida Martín Ledesma, onde construirá dous pasos elevados de peóns, dentro dun proxecto máis amplo.

Pola rúa Martín Ledesma accédese ao colexio Lois Tobío e, aínda que dispoñen doutra entrada, tamén aos dous institutos viveirenses, o Vilar Ponche e o María Sarmiento, ademais da o polideportivo e ao campo de fútbol do Cembedo, así como ao paseo marítimo de Covas. Ademais dos pasos elevados de peóns, o Concello renovará a deteriorada calzada, substituirá os bordos de formigón dos illotes de tráfico e rexenerará as zonas verdes do seu interior, reporá sumidoiros e canalizacións de augas pluviais e pintará pasos de peóns, delimitacións de illotes e carrís e zonas de aparcadoiro.

Rúa Grande de Celeiro

Nun acto organizado polo delegado da Xunta na provincia, el e a alcaldesa viveirense, entre outras autoridades, visitaron onte a Rúa Grande de Celeiro. O máximo representante da Xunta en Lugo acudiu porque a Consellería de Presidencia achegou os 94.860 euros investidos en renovar redes de auga e de pluviais, en canalizar cables de teléfonos e en substituír o pavimento de formigón por lousas de granito. A rexedora viveirense aclara que esa obra a decidiu o Concello, que forma parte dun proxecto valorado en 351.000 euros e que continuará con 38.000 euros que achegará a Deputación.