Ramón Blanco , do Everets aos cumes de Viveiro con 84 anos

I.MEITIÍN BUJÁN

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

O montañeiro mariñán viaxou desde Venezuela para correr a carreira de 42 quilómetros da Camovi

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Son campesiño, por iso gozo no campo e, sobre todo na montaña. Cando era un neno, con 13 ou 14 anos, xa subía con frecuencia ao monte San Roque, en Viveiro, cos meus amigos». Setenta anos despois, o espírito aventureiro de Ramón Blanco (Xerdiz-Ourol, 1933) permanece intacto. E é esa admirable vocación de montañeiro e o seu imperturbable perseveranza o que lle trae de novo a Galicia desde Venezuela, onde reside desde 1970, para participar na Carreira Montes de Viveiro (Camovi), puntuable para a Copa Galega de Carreiras por Montaña e que se celebrará este domingo cun participación que roldará os 700 atletas. Competirá na distancia máis longa, de 42 quilómetros, disposto a arrincar «catro ou cinco horas antes» para acadar a meta antes de que se apague o bulicio na Praza Maior. «E se teño que retirarme antes, fareino sen problema», afirma.

«É unha honra volver recibir a Ramón Blanco , un Messi do montañismo». No comité organizador da Camovi sacan peito pola presenza do home que entre 1993 e 1998 ostentou a honra de ser o alpinista de máis idade en coroar o Everest e cun currículo cegador o que figuran, entre outras fazañas, infinidade de expedicións a cumes de máis de 3.000 metros e outros dous ochomiles ademais do mítico pico do Himalaya ?o Broad Peak e o Gasherbrum, en Paquistán?, así como aventuras no Aconcagua ou na Antártida. «De todas e cada síntome orgulloso, pero lembro con especial emoción a primeira subida a unha gran montaña, que foi en México e eu só, sen axuda. Empecei a seguir as pegadas e cheguei ao cráter», conta con nostalxia.

Pechada a súa etapa de alpinista, Ramón Blanco sacia a súa sede aventureira con carreiras de longa distancia pola montaña. Fai tan só unhas semanas competiu en Venezuela nunha na súa honra. «Alí teño unha chea de seguidores que coñecen a miña traxectoria e seguen con interese todo o que fago», di o inoxidable atleta mariñán, protagonista de infinidade de documentais e cunha forza de vontade de ferro. «Practicamente todos os días saio a correr, non a andar, ás catro da mañá. Adestro ao redor dunha hora», asegura. O seu campo de adestramento son os arredores da urbanización privada na que vive en Caracas, a capital venezolana. «Claro que me gustaría adestrar na montaña, pero coa inseguridade que hai é imposible», di. E afirma sen titubeos que, a pesar das dificultades que sofre o país suramericano ?«a xente furga no lixo en busca de comida», conta?, a idea de regresar ás súas orixes na Mariña e instalarse ao lado da súa familia non a contempla. «Son moi testarudo, non me rendo tan doado. A vontade e o sacrificio son imprescindibles para calquera faceta da vida e a min permitíronme vivir experiencias inesquecibles na montaña», razoa. Para Ramón Blanco a data de caducidade non existe: «Seguirei nisto ata que o corpo aguante, son inmensamente feliz», sentenza.